trangénicos - Share on Ovi

Todas as sementes transxénicas no mundo son controladas por seis empresas: Monsanto, Syngenta, DuPont, Dow, Bayer, Basf. Son todas transnacionais químicas que se apropiaron das compañías de grans para controlar o mercado agrícola, vendendo sementes casadas cos agrotóxicos que elas producen (herbicidas, insecticidas, etcétera).

Todas -ademais de Monsanto que se fixo famosa como vilán global- teñen un historial criminal que inclúe, entre outros crimes, graves desastres ambientais e contra a vida humana. Todas, unha vez ao descuberto, tentaron evadir as súas culpas, tratando de deformar a realidade con mentiras e/ou corrupción. O feito de que todos os transxénicos están patentados e que a contaminación é un delito para as vítimas, significa que calquera país que autoriza os transxénicos entrega a súa soberanía, de mans atadas, aos designios dunhas cantas transnacionais que deciden segundo o seu afán de lucro. Ademais, tratándose destas empresas, autorizar o sementado de transxénicos é entregar as sementes, os campesiños e a soberanía alimentar a un puñado de criminais en gran escala. Crime organizado, legal.

Recentemente un tribunal da India pronunciouse, logo de case 20 anos de demandas dos afectados, sobre un caso que incumbe a unha delas: Dow. Trátase duns dos peores accidentes industriais da historia: unha enorme fuga "accidental" de gas tóxico da fábrica de agroquímicos Union Carbide, en Bhopal, India, en 1984. Organizacións de sobrevivintes (www.bhopal.net) estiman que morreron máis de 22 mil persoas e 500 mil teñen secuelas permanentes. 50 mil están tan enfermas que non poden traballar para manterse a si mesmas. Estudos recentes confirman que os fillos dos afectados polo gas tamén sofren danos. A porcentaxe de defectos de nacemento en Bhopal é 10 veces superior ao resto do país, a frecuencia de cancro é moito máis alta que a media. A auga de máis de 30 mil habitantes de Bhopal segue contaminada pola fuga. As vítimas e familiares loitaron duramente, por décadas, para que se atenda e paguen os gastos médicos dos afectados, se límpe o lugar e se xulgue aos responsabeis.

Dow comprou a transnacional Union Carbide no ano 2001. Foi unha grande expansión do seu lucrativo negocio de vender tóxicos, e unha forma de seguir as operacións, zafándose da mala reputación do accidente. Segundo o contrato de compra, Dow faríase cargo de todas as responsabilidades de Union Carbide. Dow reservou 2 mil 200 millóns de dólares para potenciais demandas relacionadas co asbesto (amianto) en Estados Unidos, pero nada para atender as indemnizacións pendentes na India, mostrando que para eles a vida da xente nos países de Sur non vale nada. Nunca se presentou a tribunais na India. Pola contra, asumiu unha actitude agresiva contra as vítimas, demandando legalmente por milleiros de dólares aos que se manifestaron fronte á empresa sobre o desastre de Bhopal.


O 8 de xuño 2010, un tribunal fallou contra oito executivos de Union Carbide. A sentenza por provocar a morte de 22 mil persoas é dun cinismo feroz: dous anos de cárcere e perto de 2 mil dólares de multa para cada un, a pesar de que ningún do seis sistemas de seguridade da fábrica funcionaba en 1984, soamente para "aforrar" custos á empresa. Warren Anderson, presidente de Union Carbide no momento da explosión e principal responsábel, fuxiu a Estados Unidos, onde segue vivindo no luxo, defendido dos pedidos de extradición polos avogados de Dow.

Lonxe de ser un caso illado, "doutra empresa", Dow tiña xa historia con xenocidios. Fabricou o napalm que se usou en Vietnam e comparte con Monsanto a produccion do Axente Laranxa, tóxico que tamén se usou en Vietnam e que até o día de hoxe segue producindo deformacións nos netos das vítimas. Tamén nese caso, Dow e Monsanto trataron de evadir calquera compensación, pagando finalmente minucias. Máis próximo, Dow está en xuízo pola venda e promoción -coñecendo as súas graves consecuencias- do agrotóxico nemagón (DBCP) en varios países latinoamericanos, que provocou esterilidade en traballadores das plantacións bananeiras e deformacións conxénitas nos seus fillos (ver a páxina electrónica www.elparquedelashamacas.org).

Estes horrores non son unha excepción, senón moeda corrente das empresas de transxénicos, que en forma sistemática desprezan a vida humana, a natureza e o ambiente, para aumentar os seus lucros. Lembremos, por exemplo, que Syngenta plantou ilegalmente cultivos de millo transxénico en áreas naturais protexidas en Brasil, e logo, fronte á ocupación de protesta que realizou o Movemento dos Sen Terra, contratou unha milicia armada que disparou a eito, asasinando a Keno, do MST. Monsanto tenta agora mesmo aproveitar a traxedia que provocou o terremoto en Haití para impor alí a contaminación e dependencia ás súas sementes modificadas. DuPont continuou vendendo agrotóxicos restrinxidos en Estados Unidos -como o Lannate (methomyl)- en Ecuador, Costa Rica, Guatemala, onde provocou o envelenamento de miles de campesiños. Basf e Bayer están acusadas de casos similares.

Poderase crer a estas empresas que os transxénicos non teñen impactos n ambiente e na saúde e que se houbese contaminación transxénica do millo no seu centro de orixe, eles vixiarano e o controlarán?

Silvia Ribeiro, Investigadora do Grupo Etc

Via --> La Jornada


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel