horta - Share on Ovi

Ó vivir nunha cidade, pérdense moitas das vantaxes da vida campestre, pero cada vez son máis os urbanitas galegos que se negan a perder os aspectos máis positivos do campo, aínda que vivan a escasos minutos do centro da súa cidade. As hortas urbanas cedidas por institucións públicas, como as situadas nas marxes do río Rato en Lugo, convértense así nun verdadeiro oasis no medio do incesante balbordo urbano e é que estas pequenas parcelas combinan con eficacia entretemento, alimentación sa e superación persoal.

As primeiras hortas galegas deste tipo foron as do barrio compostelán de Belvís, cedidas polo Concello de Santiago ós veciños hai xa máis de dous anos. Neste momento, son 30 cesións, duns 60 metros cadrados cada unha, e aínda quedaron unhas dez persoas en lista de espera.

Tras algo máis de dous anos con esta iniciativa en marcha, a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, móstrase máis que satisfeita coa súa evolución. "Cumpren moitos obxectivos máis alá do propio cultivo, como ou de promover a agricultura ecolóxica, contribuír a conservar as variedades hortícolas tradicionais ou sensibilizar ao respecto de consumir alimentos sans e de calidade", comenta entusiasmada a concelleira.

A responsable local encomia así os múltiples beneficios desta actividade para todo tipo de xente. "O cultivo de hortas é recomendable para calquera idade, porque require un exercicio físico moderado e ten a gratificación de ver as plantas medrar e consumir os froitos", explica. De feito, aínda que máis do 50 por cento dos inscritos son xubilados, Elvira subliña que "hai xente de distintas idades, con distintas experiencias, con coñecementos ou non no campo da agricultura". E é que unha das principais finalidades deste proxecto era fomentar as relacións interceneracionais. "Creo que ou conseguimos, vin moitas veces as distintas xeracións dunha mesma familia comendo alí, ademais, ás veces veñen traballar cos xubilados outras persoas e iso crea un ambiente variado", resalta a concelleira.

A experiencia foi tan positiva que xa se interesaron nela outras cidades. É o caso de Ourense, cuxos representantes locais visitaron as hortas, ou varias localidades da zona de Valencia e Murcia que solicitaron a ordenanza municipal correspondente, entre outros exemplos de toda a península.

Pero que cultiva un urbanita? As hortas de Belvís atesouran todo tipo de hortalizas e legumes: cebolas, allos, pementos, tomates, alcachofas, acelgas, espinacas, remolacha de mesa, cenorias, chícharos, xudías, tirabeques, cogombros, amorodos...

Un pequeno paseo pola zona serve para comprobar esta ampla variedade. Vicente é un dos xubilados que goza dunha parcela en Belvís. Na súa horta podemos atopar cenorias, leituga, tomates ou xudías. "Cada un planta o que lle convén ou o que haxa; nós temos plantado de todo", comenta entre risas. A horta de Teresa tamén mostra unha grande heteroxeneidade. amorodos, cebolas, tomates, cabaciños, cogombro, acelgas, leitugas e tirabeques comparten espazo. "Un pouco de todo", sinala.

Vicente e Teresa comparten unha mesma afección desde hai algo máis de dous anos pero os seus perfís son diferentes. Vicente cultiva a súa horta coa súa muller. Este matrimonio forma parte desa maioría entre os adxudicatarios de máis do 50 por cento de xubilados. Vicente xa ten experiencia en agricultura. "Crieime nisto ata vos 25 anos, logo empregueime e agora, aos meus anos, volvo traballar a terra", comenta feliz.

En cambio, Teresa cultiva a súa parcela no tempo libre que lle deixan as súas obrigas. Faino coa súa irmá, que foi quen se decatou desta oportunidade e animouna a apuntarse. Ningunha das dúas tiña ningunha experiencia no cultivo de hortas. "Foi a primeira vez nas nosas vidas que tivemos máis terra que a que cabe nunha maceta", subliña. Pero Teresa non ve grandes dificultades á hora de saír airosa dunha experiencia agrícola deste tipo. "É cuestión de ter un coidado mínimo e de regar e as cousas medran", indica. Esta afanada agricultora atopa un único inimigo na súa aventura. "O malo é o tempo, ós tomates non lles gusta o clima de Santiago".

Alimentación e relacións

Alimentación sa, superación persoal, lecer, relacionarse con xente do barrio, facer algo de exercicio, probar algo difente... As razóns para atender unha horta poden ser en grao sumo variado e hainas para todos os gustos.

Vicente decidiuse e dar o paso. "Isto é máis ben para divertirse un pero, ao mesmo tempo, convén comer ou que é natural, ademais, crieime nisto", explica. Este xubilado comenta que se decidiu para "estar entretido, pero tamén dáme gusto recoller, traballar por traballar non, que hai que comprar a semente". A súa muller, quen lle axuda no cultivo, quéixase dos roubos que sofren frecuentemente.

No caso de Teresa, pesou fundamentalmente a necesidade de ocupar o seu tempo libre. "Nunca fixera nada así, fágoo por gusto, porque me gusta", afirma.

Via --> Galicia Hoxe


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel