leite - Share on Ovi

Todos e cada un dos sectores estratéxicos de produción agraria malviven cunha inasumíbel diferenza de custes entre orixe e destino. A especulación cos alimentos e as políticas da UE están a exterminar os labregos e labregas a pasos de xigante.

As mobilizacións do 2009 foron iniciadas polos produtores e produtoras de vacún de leite e aglutinaron en Bruxelas a gandeiros e gandeiras de até 8 países da Unión Europea. Esta situación é máis dramática se cadra no Estado español, onde a crise atravesa todos os sectores estratéxicos de produción, desde o vacún de leite e carne, aos cereais, o arroz, e o ovino-caprino pasando polo porcino, as froitas e hortalizas até os froitos secos, as améndoas e as avelás.

Os prezos que un produtor ou produtora percibiu en 2009 polos alimentos que pon no mercado foron entre un 30% e un 51% inferiores aos de 2008, mentres que para o consumidor e consumidora só experimentaron unha feble rebaixa de entre o 2,4% e o 6% sobre o prezo final dun ano a outro. Así, o diferencial de prezos entre orixe e destino colocouse nun escandaloso 500%, superando en moitos casos o 900%: o 982% na coliflor, o 925% na alcachofa, o 1225% na cenoria, o 720% na berenxena, o 1400% da pataca e así poderiamos seguir. En canto aos produtos gandeiros, a carne de porco eleva as súas marxes comerciais ao 566% e na carne de vacún atopamos unha diferenza entre a granxa e a venda ao público do 442%. Vaia, que entre o campo e a mesa moitos produtos multiplican por 10 o seu prezo.

Ademais, é preciso incidir noutro dato que, xunto ao anterior, expón máis aínda a sombriza situación do campo. En 2009 a cifra de parados ascendeu a 192.000 persoas no sector, un 30% máis que en 2008. Esta evolución do paro agrario non afecta só ás persoas que se dedican profesionalmente á agricultura e a gandería, senón que ten un impacto dramático no conxunto da economía do medio rural.

Este escenario foi un caldo de cultivo tan prexudicial que desembocou nun Paro Xeral en todo o sector agrario e no medio rural os pasados 20 e 21 de novembro de 2009. Para a COAG, o gran seguimento das mobilizacións e as adhesións e apoio recibido por parte de toda a sociedade, de moitas organizacións sociais, ONG, ecoloxistas, organizacións de consumidores, tamén de moitos concellos etc. supón un éxito moi importante. É tamén o resultado do traballo deste sindicato, xunto con outros actores desde moitos meses atrás, de traballar pola unidade de acción que ao final se conseguiu. Milleiros e milleiros de agricultores e agricultoras, labregos e labregas, xente nova, etc. concentráronse en Madrid o día 21 para esixirlle ao goberno a consideración do sector agrario como sector estratéxico responsábel da produción dos alimentos e para esixirlle que a crise pola que atravesamos sexa considerada crise de Estado e polo tanto respondan ante ela.

Nun país de longa tradición agraria e rural, o progreso cara a unha sociedade cada vez máis igualitaria e avanzada, debe pasar irrenunciabelmente polo respecto e o apoio aos máis de 7.000 municipios rurais que ocupan o 80% do territorio e albergan ao 25% da poboación: máis de 10 millóns de persoas. Atopámonos pois diante dun sector estratéxico para a sociedade española e é necesario que o Goberno adopte unha serie de medidas que garantan tal condición, tendo claro que, nun sector primario como o agrario, os investimentos e os apoios públicos teñen un efecto multiplicador tanto na actividade económica como na xeración de emprego. Nos últimos anos (2003-2008) os datos de evolución da renda agraria total contraéronse até un 26% o que, sumado aos factores que analizamos, dános unha boa medida da situación de grave crise que atravesa o sector agrícola na actualidade.

A agricultura e a gandería están a sufrir nestes intres as consecuencias das políticas neoliberais implementadas en Europa tras a reforma da PAC. O gran paradigma desa reforma en 2003 pode resumirse nunha frase: “Non importa deixar de producir en Europa porque nos podemos abastecer a prezos máis baratos en países terceiros”, pero resultou completamente falso, erróneo e perigoso para os produtores, produtoras e as persoas consumidoras.

A agricultura, diciamos, debe ser considerada como un sector estratéxico, imprescindíbel tamén para unha acaída xestión e ordenación do territorio, a conservación da paisaxe, o coidado do ambiente e a tarefa máis importante que a sociedade encomenda aos seus agricultores e gandeiros: a produción de alimentos de calidade que deben ser a base da alimentación.

A agricultura e a alimentación tiveron que enfrontarse a numerosos cambios motivados por factores como a globalización, a apertura de fronteiras, a reformulación de diferentes políticas agrarias, as novas esixencias ambientais, etc. Durante o ano 2008, o rápido incremento dos prezos das materias primas agrarias nos mercados, fomentado pola especulación, provocou un serio desequilibrio no sector xerando inestabilidade e incertezas. Esta situación agravouse durante o 2009 debido ao descenso dos prezos dos produtos agrarios, o incremento dos custos de produción e á forte crise económica que están enfrontando o conxunto de sectores da nosa economía. A crecente liberalización do mercado mundial e a continua desregulación dos mercados agroalimentarios mediante a eliminación de mecanismos de control da produción, como os aranceis ou as políticas de prezos públicos, están configurando unha contorna na que a agricultura familiar e labrega non pode resistir máis e o abandono da actividade agraria é cada vez máis frecuente e perentoria.

Ademais, estas políticas póñense ao servizo dun comercio de produtos agroalimentarios especulativo que se está desenvolvendo sen ningunha transparencia, sen ningunha democracia e cunha preocupante concentración de poder en mans das grandes multinacionais da distribución agroalimentaria.

A continua desaparición de explotacións do modelo social de agricultura e os altos prezos que paga o consumidor en contraposición aos baixos honorarios que recibe o agricultor polo seu traballo están na base do problema. Por iso desde os movementos campesiños ínstase ao goberno español e ao da UE a tomar medidas políticas orientadas cara a un novo marco baseado na Soberanía Alimentaría dos pobos, a sustentabilidade e as necesidades reais das e os agricultores e consumidores.

O Estado español debe renovar a súa aposta estratéxica pola agricultura garantindo ao máximo o autoabastecemento alimentario. Os agricultores e as agricultoras, os gandeiros e as gandeiras deben ver o seu labor recoñecido e valorado a través duns prezos xustos para os seus produtos, o que fai imprescindíbel desenvolver prácticas de estabilización e transparencia dos mercados e apostar por unha lei que defenda un modelo de agricultura social sustentábel e viábel economicamente, un modelo de agricultura que xere emprego e que axude ao equilibrado asentamento da poboación no medio rural.

En resumo, se os Gobernos español e da Unión Europea son capaces de recuperar a capacidade política nas decisións sobre a agricultura e a alimentación, se son quen de defender a Soberanía Alimentaria e apostar por outra política agraria a favor dos labregos e das labregas e dos consumidores e as consumidoras e sociedade en xeral, se son quen de frear e pechar as portas aos intereses das grandes multinacionais da agroexportación e dos agronegocios, empezaremos a ver a luz no problema do mantemento da actividade campesiña, en afrontar a grave crise alimentaria a nivel mundial, a erradicación da fame, o cambio climático e a dignidade do medio rural e os seus habitantes. En definitiva, Europa estaría respondendo con responsabilidade ante os graves problemas que hoxe temos non só os campesiños e campesiñas senón toda a poboación no planeta.

REPASO Á SITUACIÓN DOS DIFERENTES SECTORES

Se ao comezo da década dos ‘90, a renda agraria real no Estado español estaba achegada aos 14.000 millóns de euros, segundo datos do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño (MARM), en 2009 situouse en 11.427 millóns de euros, un 5,3% menos que o ano pasado e un 26,3% menos que en 2003. É o segundo peor dato dos últimos 20 anos, só superado polos valores rexistrados en 1992 (10.845 millóns de euros). As causas principais son uns prezos de ruína, o abuso de poder da gran distribución e unha Política Agraria Común (PAC) desvirtuada e incapaz de regular o mercado. Xa que logo, a PAC móstrase totalmente ineficaz para regular o mercado. A progresiva eliminación dos mecanismos públicos de regulamentación do mercado tras a reforma da PAC de 2003 favoreceu unha inquedante volatilidade dos prezos. A liberalización do mercado abriu as portas á especulación con materias primas agrícolas.

SECTORES MEDITERRÁNEOS

No sector de froitas e hortalizas, a caída de prezos está a provocar enormes perdas e a pór en risco a continuidade duns dos principais sectores en canto a valor da produción e xeración de emprego, cunha caída media das cotizacións no campo do 20%. O acordo con Marrocos pode ser a puntilla para o sector. No oliveiral, as perdas por caída de prezos na pasada campaña ascenderon a 195 millóns de euros só en Andalucía, o que supón unha caída media do prezo do 22%. En viño, o 50% das e dos viticultores tiveron perdas na última campaña. Os efectos dunha nova Organización Común de Mercado, moi afastada das necesidades do sector, a caída do consumo e os excedentes almacenados xeraron uns prezos por baixo de custos.

SECTORES CONTINENTAIS

En cereais, ademais de producirse un notábel descenso da produción (-45% respecto dunha colleita normal), tívose que seguir a facer fronte a un mercado con prezos inferiores aos de hai dúas campañas e a unha menor demanda diante da redución da cabana gandeira pola crise de 2007. Boa parte do prezo do gran segue sen ser percibida polas e polos produtores; por mor da especulación, que fixo aumentar as contas de beneficios dos intermediarios. Como resultado de todo o anterior, unha parte da colleita permanece aínda sen vender e a situación conxunta dos factores anteriores derivou na consecuente redución da rendibilidade e viabilidade das explotacións cerealistas.

Remolacha e pataca. Na campaña 2008/09, cuarta desde o inicio da reforma da Organización Común de Mercado, consumouse o descenso até o nivel máis baixo nos prezos de base da remolacha. Na pataca chegouse a tocar fondo, con cotizacións no campo de 0,05 euros/kg, moi afastadas do limiar de rendibilidade. A invasión de pataca francesa tivo moito que ver.

SECTORES GANDEIROS

O sector gandeiro, a pesar dunha contención nos custos das materias primas destinadas á alimentación animal, e salvo excepcións puntuais, continuou cuns niveis nos prezos en orixe baixos, que ameazan a continuidade das pequenas e medianas explotacións. Salientábeis a crise de rendibilidade e liquidez nas explotacións de ovino-caprino e porcino.

SECTOR LÁCTEO

Como xa acontecera en 2008, á crise de rendibilidade das explotacións como consecuencia dos baixos prezos –os prezos percibidos polas e polos gandeiros caeu un 40% en dous anos– séguese unindo a incerteza de que en calquera intren as industrias deixen de recoller a produción. En 2009 os prezos permaneceron na maioría das zonas produtoras por baixo dos 0,30 euros/litro, cando os custos andan por riba dos 0,32 euros/litro. 


Eduardo Navarro e Andoni García - Publicado na revista Soberanía Alimentaria, Biodiversidad y Culturas

Visto en --> Altermundo


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel