India - Share on Ovi

Os espectaculares índices de crecemento de China parecen a proba concluínte de que os países "emerxentes" necesitan capitalismo privado e economía de mercado. Esta fórmula aseguraría o crecemento, absolutamente indispensábel -ao parecer- para acceder á prosperidade e ao benestar. No entanto, algúns observadores agudos, como Rafael Poch, alértannos sobre as dificultades que acumula a sociedade chinesa e que lle poden pasar factura nun futuro non afastado, e en especial o aumento das desigualdades e os efectos ecolóxicos negativos do actual proceso.

Outra experiencia asiática merece atención, a de Kerala. Kerala é un Estado do suroeste da Unión India, con 32 millóns de habitantes, que por circunstancias especiais tivo un Goberno esquerdista estable desde 1957 grazas ao cal gozou dun benestar excepcional mediante un modelo socioeconómico completamente distinto do chinés.
Grazas a unha reforma agraria, a propiedade da terra está moi repartida. Este feito, xunto a unha lexislación favorábel aos traballadores asalariados (cun salario mínimo moi elevado), un sistema fiscal progresivo e unha eficaz loita contra a corrupción, desemboca nun nivel notable de igualdade social. Na industria coexisten sector público e empresa privada. Os orzamentos de Educación e Sanidade son elevados, e estes dous sectores están moi diseminados en todo o país, incluídas as zonas rurais. Estes factores dan uns indicadores de benestar que se achegan máis aos europeos que aos do seu propio país.

Vexamos algúns datos básicos recentes. A poboación por baixo do nivel de pobreza -segundo os parámetros oficiais do país- é da 3,6% fronte ao 20% do total de India. A alfabetización alcanza ao 87% das mulleres e ao 94% dos homes (India: 38% e 65% respectivamente). A esperanza de vida é de 72 anos para as mulleres e de 67 para os homes (India: 63 e 62). Sen ter que recorrer a medidas coercitivas como a política do fillo único de China, Kerala tiña a finais do noventa un índice de fecundidade de menos de dous fillos por muller (comparable ao de moitos países de Occidente) fronte ao catro fillos do conxunto de India. Isto explícase tanto pola redución da mortalidade infantil como pola educación da muller e as políticas antinatalistas. A mortalidade infantil era en 1990 cinco veces menor que no conxunto de India (5 mortes por cada 1000 nenos nados vivos, fronte a 26 na India). Non hai que esquecer que a elevada mortalidade infantil é unha maldición de moitos países empobrecidos que empuxa ás parellas a ter máis fillos para que sobreviva o maior número posible, de modo que se dispara a natalidade e agrávanse todos os problemas. Incluso a proporción entre mulleres e homes na poboación revela unha melloría. Se en 2001 había en Kerala 1.058 mulleres por cada 1.000 homes, na India eran 933. Isto indica o éxito logrado en Kerala na loita contra o infanticidio feminino, frecuente no conxunto do país. Desde comezos do noventa, os niveis de educación superior foron dos máis altos de Asia, sobre todo en informática e enxeñaría.

Velaquí, pois, un modelo socioeconómico inmerso nunha economía de mercado, mesmo globalizada, pero guiado por criterios que antepoñen o desenvolvemento humano ao crecemento económico convencional. O resultado é un alto grao de benestar e igualdade, que ademais se basea nunha elevada participación democrática.

E o que é moi importante: o PIB por habitante en Kerala é menor que na India: 1.802 dólares en 1990 fronte a 2.223 dólares no conxunto do país. Se se poden alcanzar os mencionados logros sociais cun PIB por habitante máis baixo, talvez debamos concluír que a obsesión polo crecemento macroeconómico custe o que custe non se justifica. É mellor dar prioridade ao desenvolvemento humano e a unha distribución equitativa da riqueza e das oportunidades sociais e culturais. Kerala contradi o mito do PIB como índice óptimo do benestar, así como o de que sen crecemento -e menos nos países empobrecidos- non hai benestar.

É obvio que non se poden sacar inferencias simplistas dun caso no que coincidiron durante medio século condiciones moi favorabeis. E non se pode descartar que a dinámica competitiva mundial xere situacións difíciles de manexar desde o que non é máis que un Goberno rexional. Non é seguro que Kerala resista moito máis tempo a presión dunha contorna nacional e mundial hostil. Pero o que si é seguro é que o caso mostra de maneira práctica que son posibeis procesos socioeconómicos moi distintos dos que se nos presentan como os únicos viabeis. En Kerala, o partido gobernante que, en condicións de liberdade, ha ir gañando, só ou en coalición, todas as eleccións durante este medio século foi o Partido Comunista Marxista da India.

De todo isto pódense sacar dúas conclusións. A primeira é que hai alternativas que non pasan pola economía de mercado capitalista desregulamentada nin polo crecemento do produto nacional, senón por dar prioridade ao desenvolvemento humano e á satisfacción das necesidades básicas logrando mellores resultados. E a segunda é que o marxismo ten posibilidades de adaptación que lle permiten manter a súa vixencia.

Joaquim Sempere é pofesor de Teoría Sociolóxica e Sociología Ambiental da Universidade de Barcelona.

Visto en -->  elcomentariotv


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel