Picobello - Share on Ovi

Diferentes colectivos ecoloxistas de Galiza mobilizáronse para esixir a preservación do lugar de Pico Vello nas Pontes e a paralización do proxecto mineiro. Apesar da oposición dos colectivos sociais e concellos afectados, a administración galega non asumiu aínda a súa obriga legal de protexer o medio ambiente e aposta con todo por garantir os intereses económicos dos promotores da mina, que reciben 6,3 millóns de euros en axudas públicas. Os postos de traballo ofrecidos pola empresa non xustifican a destrución dun espazo de gran importancia ambiental, nin moito menos o risco no que se pon a saúde da poboación contaminando as augas que empregan.

En marzo de 2005 o goberno autonómico de Galiza sometía a información pública o plan da multinacional surafricana Picobello Andalucita, S.L. para a explotación dun xacemento de andalucita na localidade das Pontes. Este mineral é apto para a fabricación de materiais refractarios especiais capaces de soportar altas temperaturas e utilízase para a construción de fornos industriais para a industria química, siderúrxica, metalúrxica, do vidro, refinarías de petróleo, cementeiras, ladrilleras, cerámicas, etc.

O proxecto foi rexeitado en setembro de 2006, tras comprobar que a mina invadiría o Parque Natural Fragas do Eume. Meses despois, a compañía remitiu unha nova proposta reducindo as dimensións da explotación, retirándose a tan só 50 metros do Parque Natural. Esta distancia é insuficiente para frear as emisións de po, gases e ruídos que acabarán afectando sen dúbida ao espazo protexido, así como ás vivendas lindeiras. Incomprensibelmente, en febreiro de 2010, o proxecto salvou o escollo administrativo e foi aprobado.

Os mesmos riscos ambientais recollidos no primeiro proxecto continúan presentes neste segundo. Así, de levarse a cabo suporía a destrución de nacemento do río Belelle, contravindo a lexislación sobre minería que prohibe as obras a menos de cen metros de alumeamentos de augas. Tamén se incumpre a lei ao non priorizar o abastecemento público, en detrimento de outros usos, xa que o río Belelle abastece a unha parte importante das poboacións próximas.

Doutra banda, a zona prevista como vertedoiro sitúase sobre un afluente do río Eume, principal canle do Parque Natural, o cal suporía un perigo continuado para a calidade das súas augas, tanto polas emisións de po e efluentes, como pola posibilidade de rotura das balsas de decantación.

A mesma zona de explotación recollida no proxecto comprende un bosque autóctono de 25 hectáreas que sería arrasado. Este tipo de bosque, a fraga, representa en Galiza unha reserva de biodiversidade, na actualidade xa fortemente ameazada en número e extensión debido á expansión de especies alóctonas como o eucalipto e a construción de grandes infraestruturas. A Administración galega pasou por alto que unha zona moi próxima a Pico Lanuxe está incluída na proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 como un espazo a protexer baixo esta figura de conservación europea, pero nesta proposta deixouse fóra a Pico Vello. Os colectivos ecoloxistas xa presentaron unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente polas irregularidades no proceso de tramitación das concesións mineiras.

Máis información en http://picovello.blogspot.com/
Via --> Salvalaselva.org

 


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel