Interesantisima entrevista publicada no XL Semanal a Gilles-Éric Séralini. É un dos maiores expertos en transxénicos e asesor da Unión Europea sobre o tema. É tamén un pesadelo para a industria por esixir que se fagan con eles as mesmas probas que cos fármacos. No seu laboratorio de Caen, Francia, explica nesta entrevista por que deberiamos prestar máis atención ao que comemos.

Seralini - Share on Ovi

No 1980, a Corte Suprema de Estados Unidos aprobou por cinco votos contra catro o dereito a patentar «un microorganismo vivo feito polo ser humano». A decisión respondía a unha solicitude de General Electric para explotar comercialmente unha bacteria, e abriu a porta a unha das maiores revolucións alimentares e económicas de todos os tempos: a patente de sementes. De feito, sentou as bases para que oito corporacións da industria farmacéutica e química iniciasen a conquista da subministración mundial de alimentos.
Á marxe das consideracións éticas sobre a manipulación da natureza, esta actividade presenta unha cuestión relativa á saude. E aquí é onde ‘desembarca’ o biólogo molecular Gilles-Eric Séralini, 49 anos e director do Comité de Investigación e Información sobre Enxeñeria Xenética.

Recíbenos na Universidade de Caen, Normandía, onde é profesor. Os seus estudos sobre OMX (organismos modificados xenéticamente) veñen avalados polas tres revistas científicas máis prestixiosas dos Estados Unidos, que os publicaron, e por ser un dos catro consultores da Unión Europea sobre transxénicos. Fala nun ton didáctico, de mestre, pero tamén coa vehemencia de quen está afeito ás críticas. Empeza a clase...

 

Por situarnos: se eu lle dígo que veño de almorzar café conleite, torradas, xamón de york e froita, comin xa algún alimento
transxénico?

Non directamente. En Europa, até agora, evitáronse os transxénicos na comida humana. O OMX máis estendido é a soia importada do continente americano (especialmente dos Estados Unidos, Arxentina e Brasil) para alimentar o gando: tenreiros, porcos e polos. Non é que o xamón ou o leite sexan transxénicos, senón que os animais de onde saen son alimentados con penso transxénico. A soia representa o 65 por cento dos cultivos transxénicos (e gustariame aclarar que non ten nada que ver coa soia dos restaurantes chineses) e, ademais de para penso, úsase para facer lecitina, un emulxente das graxas que se atopa no 80 por cento da comida ‘industrial’, como a bolaría, as salsas, as fariñas… Logo está o millo, que serve para alimentar animais e para extraer un azucre que pode ser empregado como edulcorante en bebidas gaseosas. É dicir, estamos inxerindo residuos de transxénicos.

Visto así, parece que é un perigo menor, que nos afecta ‘relativamente’…
G.S. Pois non é así. Todo o contrario. Mire, é a primeira vez na historia da humanidade que somos capaces de modificar o patrimonio hereditario, xenético, das especies vivas. E isto produciuse nun escenario industrial a unha velocidade industrial. O problema dos transxénicos e a razón de que non sexan un mal menor é que o salto que se deu do laboratorio ao supermercado fíxose sen os prazos nin as probas axeitadas.

Pero pódese afirmar que os transxénicos son un risco para a saúde?.
Eu creo que sí e vou explicarlle por que, pero a pregunta non é se son un risco, senón, por que se modifican as sementes? Por que facemos soia transxénica? E a resposta é que se modifican para conter pesticidas.

Quererá dicir para resistir os pesticidas.
Non. Digo «para conter pesticidas». Está probado que os pesticidas son malos para a saúde porque inhiben a comunicación entre as células e poden provocar enfermidades nerviosas e hormonais. Entón, por que os transxénicos son deseñados para contelos? Porque o que buscan é absorbelo sen morrer ou, incluso, fabricar elas mesmas o pesticida. O 80 por cento dos transxénicos fanse para absorber un herbicida en concreto, o Roundup, que fabrica Monsanto, que á súa vez é o maior productor mundial de OMX.

Que riscos para a saúde derivados dos pesticidas están demostrados?
Depende da cantidade de pesticida que inxira o organismo. Non se trata dun infarto nin dun virus que te fai enfermar en 15 días. É un risco a longo prazo. Nós temos probado que os residuos de pesticidas poden matar células embrionarias humanas e se sobreviven, diminúe a cantidade de hormonas sexuais que fabrican. Todos os países desenvolvidos están cheos das chamadas `enfermidades crónicas´: nerviosas, do sangue, como leucemias; reprodutivas e sexuais, como o cancro de próstata e de mama, esterilidade, descenso na calidade e cantidade de esperma; enfermidades de carácter inmume, como as alerxias… e non é porque agora se detecten mellor. Isto non se explica por virus ou bacterias, non se debe a problemas hereditarios (só un cinco por cento do cáncro de mama ten relación hereditaria). Débese na súa maioria ao medio ambiente. E, aí, os produtos químicos son determinantes. Así que se os transxénicos están deseñados para absorber produtos químicos, algo terán que ver con esas enfermidades.

Afirma vostede que o aumento do cancro de mama, da infertilidade e das alerxias está relacionado cos produtos químicos que inxerimos a través da comida?
Sí, por suposto. Na comida, a agua e o ar… Hai moitos químicos na atmósfera, pero, se ademais comemos algo que contén un pesticida, aumentamos o efecto. Non digo que os pesticidas sexan a única explicación, pero estou seguro de que os químicos están relacionados co cancro de peito e a infertilidade. Agora ben, é un efecto a longo prazo. É importante entender isto. Non estamos habituados a loitar contra os químicos. A Organización Mundial da Saúde e as autoridades agardan unha epidemia e isto non funciona así.

Pero é comprensible que precisen probas...

Hai probas. Está probado que o Roundup é tóxico en células embrionarias, témolo demostrado no laboratorio, e o que dicimos é que hai que seguir probando: primeiro, en animais de laboratorio, logo nos de granxa, e máis tarde en humanos, como con calquera fármaco. A industria ten admitido que non se fixo ningún test sanguíneo de máis de tres meses para comprobar como afectan os transxénicos aos animais. Isto é un crime porque todas as enfermidades crónicas aparecen despois dese periodo. Cando se proba un fármaco, antes de darllo aos pacientes, exíxese que esa droga se administre a ratos en laboratorios durante dous anos, o que representa o seu ciclo vital total.

Ninguén fixo en ningún país probas cos transxénicos similares ás dun fármaco?
Non só non se teñen feito, senón que non queren que se fagan. Só o fixeron con ratos durante tres meses e os resultados foron declarados secretos por todas as industrias e todos os gobernos. É un grande escándalo.

Pero soa tan ‘escandaloso’ que resulta estraño, case unha desas teorías da conspiración. Por que `todos´ aceptan esa falta de análise e ese secretismo?
 Pregúntello aos ministros de Agricultura e de Sanidade do seu país. Pídalles as análises de sangue feitas en ratos co MON-810, o millo transxénico que vostedes cultivan e que produce un insecticida. Insisto, que o produce, non que o resiste. Eu non vin eses resultados, pero sí os do MON-863 [o número varía segúndo a toxina, son lixeiramente diferentes], e non son moi positivos…

Que dicían esas análises?
Un aumento do 20 o 40 por cento de triglicéridos, graxa, no sangue das femias; un dez por cento de aumento de azucre; un sete por cento de aumento de peso do fígado; do tres ao cinco por cento de aumento de peso corporal e disfuncións nos riles. E para os machos, alteracións nos parámetros do fígado e do ril, aínda que lixeiramente inferiores. Estes son claros signos de toxicidade. Vale, a enfermidade aínda non está aí. Non podemos dicir que é diabete, pero é un perfil prediabético. Se alguén vai ao seu médico con estes datos, diríalle que ingresase no hospital para facer máis probas e saber exactamente que ten, porque apunta mal... Así que pedimos máis tempo. Non se nos permitiu.

Que explicación dá o fabricante?
En primeiro lugar, resistíronse por todos os medios a que os estudos se fixeran públicos. E cando o logramos, dixeron que eles xa tiñan reparado nos efectos nos ratos, por suposto, xa que eles fixeron os estudos, pero pensaron que non era importante porque os efectos non son iguais en machos que en femias. Parécelle iso unha razón?

Por que no fai vostede, no Criixen, os test?
Porque preciso dous millóns de euros para comezar. As probas científicas ben feitas son moi caras. Para colocar un novo fármaco no mercado pasa por unhas probas que custan uns 150 millóns de euros.

Admitamos que hai un risgo nos transxénicos, pero tamén nos teléfonos móbiles, na tecnoloxía láser, na cirurxía estética...
Pero polo menos ves os beneficios! Non hai beneficio nos transxénicos. Cal é?

Parece evidente: cereais máis fortes e en maior cantidade, con menos traballo para os agricultores, que gañan máis diñeiro e alimentarán a mais xente.

Ese é un argumento estúpido, créame. As patentes das sementes só levarán fame ao mundo. En primeiro lugar, os transxénicos non alimentan os pobres, senón o estómago dos porcos. Segundo, as sementes patentadas pertencen a compañías que, xa hoxe, non deixan as súas patentes para loitar contra a malaria ou a sida nos países pobres. Por que ian cederllas para alimentalos se non as deixan para algo que os está matando? Son farmacéuticas reconvertidas en industria alimentaria. E, en terceiro lugar, nós comemos en todo o planeta só catro plantas: trigo, arroz, soia e millo. Hai 30.000 plantas coñecidas e comestibeis no planeta e só nos alimentamos de catro. Non lle parece anormal?

Sen dúbida é curioso, pero é posible que teña que ver con que cada vez hai máis bocas que alimentar e esas catro plantas son as máis produtivas.
Non. É o resultado de ter industrializado a agricultura. O que deberiamos facer é potenciar a agricultura local, comer 30 plantas en vez de catro. A cuestión non é facer transxénicos con pesticidas, porque non están feitos para facer máis plantas, senón para facer máis negocio cos pesticidas. O xeito de alimentar a máis xente é diversificar os cultivos e comer menos carne.

Pero recoñecerá que nos anos 40 a introdución de técnicas de explotación modernas, o monocultivo e a selección xenética, a chamada `Revolución Verde´ axudaron ao desenvolvemento e ao Terceiro Mundo.
Non. Hai moita xente famenta no mundo e xa houbo esa `revolución verde´, cuxo resultado foi que os países industrializados tiversen máis carne para comer. O cal, recén rematada a Segunda Guerra Mundial, estivo ben, estou de acordo. Pero xa non. Comer carne dúas veces ao día é malo. Hai estatísticas en 65 países que proban que o cancro de mama e o de intestino están relacionados co consumo de graxa animal. Dentro dun animal hai máis pesticidas que nun campo de millo ou de soia, porque se precisan moitos campos para alimentar unha vaca; é unha concentración de pesticidas.

Vostede promove o ‘natural’, pero quizais a produción biolóxica é un luxo que non podemos permitirnos.
A produción natural alimentou o mundo durante miles de anos e sen axuda do Goberno. Porque, déixeme dicirlle unha cousa, a agricultura industrializada non é rendibel. Está sostida por fondos públicos. Os agricultores non sobrevivirían sen as axudas gobernamentais.

Pero os transxénicos poderían beneficiar a agricultura en África, en zonas onde os cultivos son difíciles.
Non usemos os pobres como escusa. A ONU dixo hai 15 anos que con 50 billóns de dólares remataríase coa fame no mundo e non atoparon o diñeiro. En tres meses, tódos os países industrializados atoparon o dobre desa cantidade para ‘alimentar’ os bancos e as grandes compañías. Durante os últimos 30 anos puxéronse no mercado unha grande cantidade de produtos químicos e transxénicos sen testar, convenientemente amparados na confidencialidade das empresas e os seus negocios. Prima o beneficio económico sobre a saúde a longo prazo da xente.

Algún tipo de control haberá, non?
Non hai ningún control! Por que cre que hai esta crise financeira? Porque non hai transparencia. E se non a hai nas finanzas, cre que a hai na alimentación?

Imos ter un caso Madoff na industria alimentaria?
E será moito máis importante porque a comida é vital, afecta a nosa vida diaria.

 Quen controle as sementes controlará o mundo?
Por suposto. É o maior obxectivo financeiro do mundo. Hai só oito compañías facendo patentes de sementes. Ou para ser máis precisos, patentando xenes artificiais en sementes. É sutil. Non se poden patentar as sementes, pódense patentar os xenes introducidos nelas. E se usas a semente, tes que pagar á compañía que ten a patente. E como só tes catro plantas para alimentar o mundo… A soia e o millo xa son transxénicos e queren facer o mesmo co trigo e o arroz.

Entendo, ademais, que as sementes transxénicas se poden estallar sen que o poidas evitar, polo vento, os insectos... Hai algún xeito de controlar isto?
Non, non o hai. Cando nun territorio hai un dez por cento de campo cultivado con transxénicos, xa non o podes deter. Unha vez que soltas algo no medio ambiente, por definición non podes confinalo. Non podes poñer portas ao campo. E non son só os insectos. É suficiente con que se mesturen as sementes nos silos, coa maquinaria… Por iso é moi importante non facer farmacia no campo. É incontrolábel.

Soa pesimista...
Pois non o son. E direille por que. En 1996, todas as compañías dicíannos aos científicos nos congresos que, fixésemos o que fixésemos, en 2000 teríamos a metade dos campos en Europa cultivados con transxénicos. Estamos en 2009 e temos o 0,05 por cento con OMX. Isto, de momento, xa o teñen perdido.

Tentaron subornalo algunha vez para que deixe de criticar os transxénicos?
Podo pasar desta pregunta?

Despois do que leva dito, eu creo que non.
Digamos que me iría mellor se respaldase os transxénicos, pero non podería durmir tranquilo. Cando digo o que digo, recibo chamadas da miña universidade ou do Goberno que me lembran o que xa sei; que se quero ir os congresos e ter fondos para investigar, é mellor traballar coa industria. Así que sempre hai presións. Pero non quero dar a impresión equivocada. Non estou en contra da enxeñaria xenética. Pódense facer grandes cousas con ela. A maioría dos científicos pensa en desenvolvemento, non en negocio. Pero temo que o que está acontecendo coas sementes é a conclusión natural do mundo liberal: patentar a vida. Ao final, todo pertence a alguén.

 

Fonte: XLSemanal 


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel