Segundo Ecologistas en Acción, durante as festas de Nadal en España, chegamos a desbotar até un 40% dos alimentos que mercamos ou preparamos, e xeramos 2 quilogramos de lixo por persoa e día, dos que a metade son envoltorios e embalaxes.

Tamén é destacable que nos xantares destas datas consumimos unha serie de alimentos nos que as materias primas precisas para a súa elaboración teñen procedencias do máis diverso e supoñen un grande desperdicio enerxético e ambiental a nível de transporte e producción.
No Nadal comemos turróns, mazapáns, polvoróns e outros productos dos que moitas veces descoñecemos a súa procedencia e elaboración.
Sabías que os primeiros países productores de mel, necesaria para a elaboración do turrón, son China e Arxentina? E que as améndoas veñen de E.U.A?
Sabías que China produce e exporta a maioría dos ovos e tamén é a principal productora de fariña de trigo, ou que E.U.A. é a exportadora marioritaria?

En parte por isto e noutra porque tiñamos moita curiosidade por coñecer o proxecto de Alex, o sábado 14 de decembro xuntámonos unhas 20 persoas na cociña do Centro Cívico do Castrillón, para descubrir algúns dos secretos culinarios do Forno Vegano, o proxecto de Alex, que decidíu apostar por aprender pouco a pouco o mundo da repostería e convertilo na súa forma de vida.

Nesta xornada aproveitamos para fortalecer un dos valores de Zocaminhoca, “ O custe enerxético”, a través dun xogo de preguntas e respostas e da representación gráfica nun mapa dos percorridos dalgunhas das materias primas que consuminos. Por outra banda, se reflexionou acerca de como o veganismo ten unha incidencia positiva neste aspecto, reducindo a cantidade de auga doce e terras utilizadas na producción de alimentos así como a cantidade de gases que contribúen ó efecto invernadoiro.

Forno vegano aposta por unha reposteiría artesá, 100% de orixe vexetal, polo cal elabora receitas tradicionais e outras máis anovadoras, substituíndo os ovos, o leite ou a manteiga por outros ingredientes, coma os aceites vexetais ou o liño, e axustando como alquimistas a composición das masas para que todo saia perfecto. Os productos cos que nos abastece na cooperativa son saborosos, de comercio xusto e ecolóxicos.

Entre risadas, Alex sorprendeunos pola súa capacidade para cociñar con precisión e sabedoría e para dar, ó tempo e con todo detalle, resposta á infinidade de preguntas que nos xurdían. Con eles aprendemos a elaborar exquisitas receitas de turrón, biscoito de algarroba ou scones pero tamén a comprender mellor que hai moitas posibilidades.


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel