O compañeiro e socio da cooperativa Jerónimo enviounos esta crónica sobre o obradoiro de elaboración de cervexa que se celebrou o pasado mes de novembro en Uxes gracias á tamén socia e amiga Marta.

Obradoiro de fabricación de cervexa (12 de novembro de 2016)

O punto de encontro para a realización do obradoiro era a casa da Estación de Uxes, ás 11 da mañá do domingo 12 de novembro. A maioría fixemos unha visita turística previa á estación-restaurante (que por certo ten moi boa pinta), pensando que ese era o lugar, e alí amablemente o dono indicábanos que a casa estaba enfronte.IMAG0965.jpg

Marta, a profe, tíñanos preparado un café e entretivémonos un pouco coa charla típica, ata que xa nos fomos sentando. O equipo xa estaba montado, e consistía nunhas potas (barrís de cervexa de aceiro inoxidable reciclados) e uns fogóns de paella, montados nunha trama de andel de aluminio (a metade de camiño entre a profesionalidade e o enxebre).

Antes de comezar, Marta deunos unha primeira explicación sobre a cervexa: a súa historia, os seus compoñentes principais, a diversidade segundo as distintas culturas e como se foi evolucionando na industria a unha tipoloxía “mainstream” que é a que todos tomamos pero que non é a única posible. A irrupción das microcervexerías rompeu ese pensamento único e agora pódense atopar tipos de cervexa moi distintos feitos con moi diferentes cereais e adicións.

En todo caso, a cervexa ten que levar auga de boa calidade, malta de cebada e un compoñente (o lúpulo, unha flor) que lle dá o sabor amargo típico e que ademais ten efectos antibacterians, o que serve para conservala mellor. Por último, para favorecer a fermentación requírense fermentos. Todo o que se bote adicionalmente, ou o que se cambie, xa forma parte da inventiva do cervexeiro, que nunhas zonas valórase máis que noutras. Por exemplo, a lei de pureza alemá non recoñece como cervexa a nada que se salga dos compoñentes citados.

Xa dispostos a empezar a traballar, Marta explicounos a receita que fariamos: ademais dos compoñentes principais, propuxo unha adición de malta caramelo (algo tostada), trigo e millo do país (e máis concretamente de Millo e Landras, instigadores desta innovadora e inusual incorporación). A proposta aprobouse con algúns medos por parte dos menos expertos.

DSC_0305_300x.JPGTras consultar a Marta sobre se esta receita era moi común, resultou que non lle constaba que nunca se fixera, co que se bautizou inicialmente como “Cervezoca”. Este nome consolidarase se cando a probemos, consideramos maioritariamente que está boa. Hai que dicir que o uso do millo levou unha serie de variacións sobre a tecnoloxía básica, o que fixo que o proceso fóra algo máis laborioso.

Marta (que se levantou ás 7 para telo todo listo -grazas!!!!-) xa tiña preparada auga quente para a primeira fase, na que se mesturan as maltas e cereais coa metade da auga a uns 65 graos e déixase repousar unha hora e media ou dúas. Esta fase chámase macerado e de como se faga (proporcións, temperaturas,...) depende o tipo de cervexa que sairá, en corpo e gradación. Isto é o primeiro que fixemos, aínda que nosa nova receita requiriu dunha fase previa a menor temperatura para activar o millo.

Mentres a primeira mestura maceraba, Marta fíxonos a segunda explicación sobre o resto do proceso, que inclúe o recirculado do líquido que se extrae, para eliminar sólidos no “caldo” de maceración, o lavado co resto da auga, para non perder nada de sustancia, e a cocción. Pero a cocción xa a fixemos despois de comer.

Xantamos bastante rápido, porque había moito traballo pendente, pero iso non impediu que probásemos algunhas delicias caseiras, e un pouco da cervexa que Marta fixera cuns amigos unhas semanas atrás. A verdade é que estaba moi, moi boa. Se a cervezoca sáenos así, convirá ir preparando un andel e unha barra no local.

O líquido de maceración, xa filtrado, esperábanos para a cocción. É neste momento cando engádese o lúpulo. É moi curioso porque engádese en tres etapas, cada unha das cales achega amargor, sabor e aroma. A pota (duns 40 litros) coce durante unha hora e o lúpulo bótase ao principio, aos 45 minutos e xusto ao apagar. O lúpulo é da familia do cannabis e ao cheiralo, algúns dos presentes recoñecían claramente esa relación. Os que viñan con nenos, curiosamente, non parecían recoñecer o parecido con outras herbas.

Para que a cervexa non amargue moito non hai que permitir que o lúpulo de sabor e aroma ferva moito, co que á hora xusta hai que apagar o lume e arrefriar rápido. Este proceso resultou ser o máis complicado, e ademais nesta fase xa hai que ser moi escrupuloso coa desinfección, porque a cervexa non leva ningún proceso de conservación.

A idea era arrefriar con xeo e un serpentín, pero o cebado do tubiño, que esixía succionar, deu algún “problemiña” e a pobre Marta, a base de succionar, acabou bebendo unha parte importante do mosto (moi quente). Xa ao bordo da extenuación de Marta, descubrimos que a pota da que queriamos sacar o mosto estaba case baleira e que entraba aire, o que desatou unha especie de “risa parva” para enmascarar a vergoña que pasamos, porque Marta xa nos avisaba de que había que estar ao tanto do nivel. Pasado este “mal trago”, acabamos de arrefriar sen contratempos e xa con todo o mosto no bidón de fermentación, engadimos os fermentos, que é todo o que se pode facer nun día. Ao final, déronnos as 7 da tarde.

DSC_0330x600.JPG

A partir de aí a cervezoca terá que repousar sobre unha semana, e despois haberá que transvasala con coidado de non tomar o pouso a outro bidón, onde clarificará e madurará durante outra semaniña, máis ou menos.

A segunda fermentación xa se fará na botella, para o que se engade un pouco dalgún azucre non refinado. E ao cabo dun par de semanas ou un mes... cervezoca lista para beber, case coincidindo co Nadal.

Pasámolo moi moi ben e aprendemos moito. Marta curróullo moitísimo e explicounos moitos truquiños e detalles técnicos, e ademais todos colaboramos para facer a cervexa, co que, se está boa, será mérito de Marta, e se non está tan boa, será “mérito” noso, e por tanto tomarémonola igual.

Algúns dos que fomos descubrimos nosa verdadeira vocación, co que, aínda que de momento non deixaremos os nosos traballos habituais, non descartamos nun futuro inmediato converternos en produtores.


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel