Segundo Ecologistas en Acción, durante as festas de Nadal en España, chegamos a desbotar até un 40% dos alimentos que mercamos ou preparamos, e xeramos 2 quilogramos de lixo por persoa e día, dos que a metade son envoltorios e embalaxes.

Tamén é destacable que nos xantares destas datas consumimos unha serie de alimentos nos que as materias primas precisas para a súa elaboración teñen procedencias do máis diverso e supoñen un grande desperdicio enerxético e ambiental a nível de transporte e producción.
No Nadal comemos turróns, mazapáns, polvoróns e outros productos dos que moitas veces descoñecemos a súa procedencia e elaboración.
Sabías que os primeiros países productores de mel, necesaria para a elaboración do turrón, son China e Arxentina? E que as améndoas veñen de E.U.A?
Sabías que China produce e exporta a maioría dos ovos e tamén é a principal productora de fariña de trigo, ou que E.U.A. é a exportadora marioritaria?

En parte por isto e noutra porque tiñamos moita curiosidade por coñecer o proxecto de Alex, o sábado 14 de decembro xuntámonos unhas 20 persoas na cociña do Centro Cívico do Castrillón, para descubrir algúns dos secretos culinarios do Forno Vegano, o proxecto de Alex, que decidíu apostar por aprender pouco a pouco o mundo da repostería e convertilo na súa forma de vida.
Ler máis...

encontro grupos consumo

A pasada fin de semana Zocaminhoca asistiu ás xornadas sobre Grupos de Consumo que se celebraron nas Corcerizas, participando coas compañeiras dos grupos de consumo responsable de Pontevedra (A Gradicela) e Ourense (Semente, O Grelo Verde e Agrelar) nunha mesa redonda para valorar a situación e os problemas neste tipo de iniciativas. Contou ademais coa participación de labregas de Ferrolterra, Lugo e Redondela.

Foron dous días de intensa convivencia onde persoas de moi variado perfil intercambiamos opinións, experiencias e sentimentos nun marco espectacular como é o da Serra de San Mamede e arredor doutro proxecto senlleiro como é o das Corcerizas de Amigos da Terra.

As xornadas completáronse con dous obradoiros moi útiles como o de “extracción de sementes” impartido por Jacobo Ojea e de “autoproducción de fungos” da man de Brais.

Podedes ver algunhas fotos do encontro no seguinte enlace: nov13 as corcerizas

 

 sequeiro2sequeiro

Entre o sábado e o domingo un grupo de 14 persoas compartimos espazo, traballo e sobretodo moitas conversas con Sabela, Luis e Martiño, as artífices desta iniciativa de recuperación e aprobeitamento dos antigos soutos do Courel para a producción de castañas frescas e secas e a elaboración de productos tan sabrosos como o pan e mantecadas de fariña de castaña.
Nos dous días conseguimos apañar 340kg de castañas, o que non está nada mal para unhas principiantes, e aprendimos que existen nada menos que 80 clases diferentes de castañas na Galiza!!!

Os soutos son cultivos de castiñeiros traballados e coidados durante moitos anos por as diferentes casas nas que se organiza a vida da zona. É pois importante ser respectuosa e non apañar castañas indiscriminadamente, especialmente en grandes cantidades. Unha indicación infalibel é observar se o souto esta limpo de maleza e as castañas están facilmente á vista no chán, a única explicación posibel é que alguén pasou o tempo e traballo en limpalo.
O valor de Zocamiñoca que tratamos nesta visita foi “A dignificación do rural”.
A través dunha dinámica de grupo respostamos ás preguntas “Qué significa para mín a dignificación do rural? e “Que pasiños poderíamos dar como individuas e/ou colectivo para avanzar cara a esa diginificación?” Falamos literalmente desde a cabeza, as orellas, as mans, as pernas…onde íamos colando nun panel con forma de persoa as nosas aportacións ao debate. Concluímos que o pensamento teórico é moi importante pois foi a base de que Zoca se iniciase como cooperativa de consumo e de que este fose un dos valores que nos moverían como colectivo, pero que a experiencia práctica de nós estarmos aqui no Courel con unha das nosas produtoras dáballe unha maior dimensión á idea e propiciaba a acción e aplicación desa teoria na práctica. No final hai moitos factores e espazos de acción desde onde comezar a transformar (educación, consumo, política, relacións persoais, iniciativas, experiencia, etc) tanto a nível colectivo como individual para conseguir o noso obxectivo que é estar na vida e estar ben.
Non todo ía ser traballar e debater e pois tivemos tempo para a música, as risas e a comida, moita comida, e desfrutar da paisaxe, choiva e sol do Courel que nesta altura do ano é sen dúbida un lugar dos mais máxicos do mundo.
Estamos xa a espera do próximo outono no que volveremos ao Sequeiro da Portela.
Grazas a todas!

gruposconsumoContinuado a súa labor a prol da soberanía alimentaria, Amigos da Terra organiza durante a fin de semana do 30 de novembro e 01 de decembro un Encontro de Grupos de Consumo, dúas xornadas de intercambio de experiencias nas que produtores ecolóxicos e integrantes de varios grupos de consumo galegos nos achegarán a realidade e o funcionamento deste modelo de alimentación consciente e sustentable. Qué son os grupos de consumo, cómo poden xestionarse e cáles son os seus principais retos de futuro, son algúns dos temas que trataremos. Ademais, realizaremos varios obradoiros prácticos, cos que avanzaremos no eido da autoproducción alimentaria.

Zocamiñoca participaremos destas xornadas. Animádevos e visitade As Corcerizas con nós, máis información e reserva: Encontro grupos de consumo nas Corcerizas

Zocamiñoca participará na "Feira Intercultural Agra do Orzán". Esta feira se celebrará este sábado 19 de outubro, de 12h a 21h no Mercado das Conchiñas. Levaremos comida ecolóxica e vexetariana para comer no momento, bebidas de comercio xusto e cervexa artesá. Tamén unha pequena mostra do que temos no noso local, para que todas teñades a ocasión de levar algo para casa.

Apostamos polo comercio local, a soberanía alimentar, o comercio xusto, a ecoloxía social, a xustiza social, o cooperativismo, a transparencia, a relación directa campo-cidade, etc.

Nesta feira intercultural tamén haberá artesanía, músicas e danzas do mundo, teatro, maxia, ... Animádevos, esperámosvos o sábado nas Conchiñas!

Feira Intercultural Agra do Orzán
zocarede

Rede Galega de consumo responsábel