Daucus carota (científico), Zanahoria (castellano), Carrot (english).

Substancias: proteínas (1%), hidratos de carbono (5-7%), graxa (0,2%), fibra (3,4%), vitaminas A (moito betacaroteno) e C, minerias (0,9%), compostos fenólicos, cumarinas e furocumarinas, monoterpenos, poliacetilenos, ftálidos.

Propiedades: o alimento máis rico en betacaroteno, un carotenoide cunha potente actividade vitamínica A e polas súas cualidades antioxidantes. Boa para o corazón e as arterias de todo o corpo. Mellora as defensas inmunitarias, evita a dexeneración oxidativa provocada polos radicais libres que danan a pel e as mucosas (pulmón, esófago, estómago, páncreas, colon, vexiga urinaria, etc.). Parece reducir o risco de cancro de mama despois da menopausia. Os raios UV do sol xeran os perigosos radicais libres na pel, polo que o consumo de cenouras e outros alimentos ricos en betacaroteno antioxidante mitiga en parte ditos efectos nocivos que a longo prazo avellentan a pel ao aumentar o risco de cancros de pel. Prevén enfermidades dexenerativas dos ollos: cataratas e DMAE (dexeneración macular asociada á idade). O xugo de cenoura é vermífugo, isto é, eficaz para loitar contra vermes intestinais (oxiuros) e ten poder antibiótico. A fibra alimenta as bacterias beneficiosas da flora.

Aproveitamento: pódese tomar crúa ou relada, e mellor tomala cocida ou en puré. O zume é moi san mais para obter o beneficio anticolesterol da pectina haberá que comer a cenoura enteira. Ao masticala crúa límpanse os dentes, desenvólvese a musculatura da mandíbula e estimúlase a secreción de saliva que facilita a dixestión.

Mitos: non é certo que a vista vaia mellorar se tomamos moita; o déficit de vitamina A só produce cegueira nocturna (dificultade para ver na escuridade). En xeral é importante consumir os alimentos enteiros e ser precavidos cos principios activos aillados.

Riscos: o betacaroteno de hortalizas e verduras é seguro e non hai risco de toxicidade (a diferenza da vitamina A ou do betacaroteno en pílulas). É importante pelar ben as cenouras e rexeitar a parte máis superior da raíz. As grávidas non deben consumir as sementes das cenouras debido ao seu poder abortivo. Certas persoas presentan unha fotoalerxia ou hipersensibilidade se toman sol despois de inxerir psoralenos.

 


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel