Valor nutricional: auga, proteínas, graxas insaturadas, fibras, minerais, vitaminas, antioxidantes.

Propiedades: boa fonte de vitaminas e minerais. Son saciantes e axudan a activar o metabolismo polo que son especialmente recomendadas en dietas de adelgazamento. Boa fonte de antioxidantes, indispensables na loita contra os radicais libres. Axudan a rebaixar o colesterol.

Aproveitamento: as algas secas precisan dun remollo previo ao seu cociñado, o que fai que aumenten o seu tamaño. Pódense cociñar en numerosos pratos, coma guisos, potaxes, revoltos, purés, sopas, paellas, ensaladas, ... É recomendable, especialmente no inicio, usar pequenas cantidades de algas para irse afacendo ao sabor.

Riscos: debido ó seu contido en iodo, as persoas con hipertiroidismo non deben abusar do seu consumo.

 

Principais Algas


Alga Kombu:  Xénero Laminaria ochroleuca, Laminaria hyperborea e Laminaria saccharina (kombu de azucre).

Valor nutricional: Presenta fucosterol. Moi rica en minerais, especialmente K, Ca e Mg. Unha mención especial é o seu alto nivel de iodo. Recoméndase a deixar repousar polo menos 20 minutos en auga fresca para eliminar o exceso mineral.

Propiedades: Axuda a controlar o colesterol do sangue. Axuda a regular a presión arterial e a evitar a hipertensión. O seu contido en ácedo algínico e manitol fai que actúe como un limpador natural e eliminador de toxinas para os intestinos, moi útil contra a colite. En aplicacións corporais externas beneficia a pel e é moi efectiva para doenzas musculares como tendinite, contusións e artrite. Efecto hipolipemiante debido a polisacáridos que actúan como fibras. Dos lípidos un 25% correponden a EPA, polo que se ten que ter en conta como achega nutricional.

Aproveitamento: debe cocerse xa que é unha alga dura. Vai ben en arroces, sopas de verduras, purés,…e sobre todo cas legumes xa que o kombu as fai máis dixestivas (para iso teñen que deixarse en remollo as legumes xunto cun anaco de kombu, e logo xa cocerse todo xunto).


Wakame: Xénero Undaria pinnatifida

Valor nutricional: Alto contido en vitaminas, minerais e oligoelementos, sobre todo destacando os seus niveis de vitaminas do grupo B (concretamente a B1, B2 e B12) e de magnesio, sodio, potasio, calcio e fósforo. Gran contido en fucosterol. Presenta todos os aminoácidos esenciais e un baixo contido en lípidos (principalmente ácido palmítico e oleico) e glúcidos asimilables.

Propiedades: alta taxa de dixestibilidade, próxima ao 75%. Axuda a baixar o colesterol. A súa inxesta favorece a absorción de calcio e a estimulación da formación ósea. Realizáronse estudos médicos nos que se observaron efectos beneficiosos na prevención de cancro e outras enfermidades.

Aproveitamento: é rica para combinar cas lentellas e demais potaxes de legumes ou para paellas de arroz ou quinoa. Neste tipo de pratos non cómpre cocela antes, pódese botar en seco e xa se vai cociñando canda o resto de ingredientes. En revoltos tamén está rica, pero ten que cocerse antes.


Espagueti de mar: Xénero Himanthalia elongata

Valor nutricional: Ten un altísimo contido en ferro (8 veces máis que as lentellas e 20 veces máis que as espinacas), potasio, sodio, fósforo e cantidades importantes de vitamina C.

Propiedades: alta dixestibilidade. Observouse en experimentación animal que ten un efecto depresivo e analxésico no SNC (sistema nervioso central), polo que puidesen ter un lixeiro efecto sedativo ou relaxante. É moi eficaz coma antioxidante. Indicada en xente con anemia ou falta de minerais.

Aproveitamento: Aínda que é unha das últimas especies incorporadas á alimentación humana, trátase dunha das algas con máis personalidade na cociña. Ten gran éxito entre as variedades de algas atlánticas xa que é a que máis concorda coa gastronomía occidental por ter unha textura consistente que lembra as xudías francesas unha vez cociñadas. Ideal para revoltos ou ensaladas. Debe ser previamente cocida uns 15 minutos


Nori: Porphyra spp.

Valor nutricional: Considérase a macroalga mariña máis completa nutricionalmente. Moi rica en Taurina (200mg% de peso seco). Unha lámina de nori contén 30-45mg% de EPA (graxa poliinsaturada). Especialmente rica en vitaminas do grupo B, entre as que destaca a B12.

Propiedades: Contén porphyosin, substancia que presenta actividade para combater as úlceras estomacales

Aproveitamento: en copos pódese utilizar directamente en ensaladas ou sopas. En láminas utilízase para preparar sushi.


Leituga de mar: Ulva spp.

Valor nutricional: especialmente rica en manganeso, ferro, calcio e vitaminas B3 e B12.

Aproveitamento: Moi rica en ensaladas (cocida previamente) ou en sopas ou purés de verduras. Tamén en arroces ou potaxes. Ten sabor suave.


Dulse: Xénero Palmaria palmata

Valor nutricional: Altos niveis de vitamina C e provitamina A. Ten moi boa porcentaxe de proteína, aínda que estudos recentes revelan que a dixestión final non é moi elevada. Posúe mucílagos pola presenza de carraxenatos

Beneficios terapéuticos: Para combater resfriados e estados carenciais de vitaminas. A presenza de mucílagos faina ideal para saciar o apetito.

Aproveitamento: Un sabor moi agradable, boa para arroces, potaxes, ensaladas, ...


Agar-agar

É a parte xelatinosa de diversas especies de algas.

Valor nutricional: ten gran cantidade de minerais e oligoelementos.

Beneficios terapéuticos: é unha fibra soluble, polo que actúa como un bo regulador e rexenerador do intestino, fortificando as glándula dixestivas e intestinais. Tamén moi bo para trastornos gástricos e como limpiador de toxinas, xa que arrastra os residuos de metales pesados. É moi saciante e limita a absorción de graxas.

Aproveitamento: pódese usar como xelificante, cocéndoo. Tamén se pode deixar a remollo e logo botar nas ensaladas, neste caso é preferible usalo en tiras. No caso de usar como xelificante ou espesante podemos elexir a forma de copos ou polvo, porque se dilúe máis doadamente.


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel