solucion_sencillisima_el_roto - Share on Ovi

Un inquietante anuncio con fundo negro amosa unicamente o enderezo web estosololoarreglamosentretodos.org, pero, quen hai detrás disto?

É unha campaña publicitaria iniciada por Jaime de Andrés, responsábel de publicidade corporativa de Telefónica xunto a Javier Gómez Navarro (ex ministro de comercio e actual presidente do Consello Superior de Cámaras), o economista Guillermo de la Dehesa e os avogados Antonio Garrigues Walker e Miquel Roca. "É unha chamada á sociedade civil para que se mobilice", explicaron os responsábeis da iniciativa, que durará dous meses, con anuncios en televisión, insercións en prensa e cartelería exterior. En total, o custo da campaña será de catro millóns de euros que puxeron as Cámaras de Comercio, a patronal das grandes empresas construtoras (Seopan) e un bon número de grandes empresas (Telefónica, Iberia, El Corte Inglés, BBVA, Santander, La Caixa, Caja Madrid, Repsol, Cepsa, Endesa, Iberdrola, Mapfre, Abertis, Mercadona, Indra, Renfe e Red Eléctrica).

O proxecto é tan ambicioso que se criou unha institución para que xera todo isto, a Fundación Confianza. O anuncio televisivo recolle xustamente o manifesto da Fundación na voz de cidadáns anónimos e de personaxes famosos, como os deportistas Fernando Romay, Carlos Sainz ou os irmáns Gasol, os presentadores Àngels Barceló e Andreu Buenafuente, o escritor Juan José Millás, o cociñeiro Ferran Adrià ou o cantante Melendi.

Quizá o teu sexa un dos 4.048.493 de parados que rexistraba o Servizo Público de Emprego Estatal en xaneiro (se a isto sumamos os parados en cursos de formación, os Traballadores Eventuais Agrarios (TEAAS) e os que procuran empregos de media xornada ou só na súa localidade, entón temos 4,5 millóns de desempregados, case que o 20% da poboación activa). Se é así, quizai non teñas moito ánimo para amañar a economía deste país. Ou quizá te perguntes: E por que empresas e organismos tan importantes queren que eu sexa optimista?

Ben, para empezar, o alto executivo que iniciou esta iniciativa traballa para Telefónica, unha empresa que aumentou o seu beneficio neto un 2,4% no exercicio 2009. É dicir, que até en plena crise teñen razóns para ser optimistas, non como os 4,5 millóns de parados. Pero o problema parece ser que a crise fixo moito dano nas economías máis baixas e nas expectativas de consumo da clase media: mentres que na Franza, xa no segundo trimestre de 2008 o gasto privado volvía crecer tras a crise, en España non deixou de baixar desde 2007 e o repontamento no último trimestre é mínimo: 21 meses a caír o consumo e coa confianza do consumidor case que polo chan. Así que se perguntaban no diario económico Expansión: "resulta rechamante que países do noso contorno como a Franza, Grecia, Portugal, Italia ou grandes potencias como EUA e Xapón xa levan varios trimestres vendo como medra o seu consumo privado. Por que en cambio os españois preferimos ter o diñeiro parado no peto?"(1). O asunto, evidentemente, preocupa moito ao mundo empresarial. En palabras do mesmo diario: "No consumo está a chave da recuperación económica, porque o gasto dos fogares representa, nen máis nen menos, que 2/3 do PIB en España."

Quen non teñen diñeiro non gasta e, quen ten algo, afórrao. Así parece que funciona a economía doméstica española, posto que xa na crise de 1993 a taxa de aforro se elevou até o 16%, para despois caír ao 10,2% en 2007. No terceiro trimestre de 2009 (último dato dispoñíbel), superaba xa o 14%. "Esta peculiaridade distáncianos, por exemplo, dos EUA onde teñen máis tendencia ao consumo e non tanto ao aforro", explica Sara Baliño, analista de AFI en Expansión. Funcas, a Fundacion das Caixas de Aforros xa anunciou que o aumento do aforro se manterá todo este ano (chegando a unha taxa de aforro do 18,2%), así que as perspectivas non tranquilizan moito ao mundo empresarial.

E neste contexto nasce unha campaña publicitaria sufragada por boa parte dos que nos levaron a esta crise, como as empresas construtoras ou os bancos que deron alegres préstamos á tolemia do tixolo. Eles pédennos un esforciño máis. Dicíao o propio promotor desta iniciativa, Jaime de Andrés: "Para medir o éxito do proxecto seguiremos indicadores institucionais e o seguimento do web. Mais tamén sería un sinal ver mudanzas en determinadas posicións na sociedade" (Público, venres 26 de febreiro) Referirase a que saiamos dunha vez á rúa a pedir que co noso diñeiro non se financie aos bancos? Ou se refere a que pidamos prestamos e hipotecas e nos poñamos a mercar e gastar? Na propia páxina web do proxecto hai unha sección de "boas novas", e hai dúas que dan algunha pista: "Xa mercamos máis (no cuarto trimestre do 2009 o gasto en consumo final dos fogares españois pasa do -5,0% ao -3,5%) e "O número de vivendas hipotecadas cresce por primeira vez en dous anos e medio".

Así pois, nace unha campaña que tenta que o optimismo se traduza en cartóns de crédito áxiles, peto lixeiro e incotinencia á hora de pedir préstamos e hipotecas. Estoloarreglamosentretodos.org ben podería chamarse: "seoptimistaycompra.org",
"hipotecatecomosea.org" ou "gastadeunaputavez.org".

Quizá a ti se che ocorren mellores formas de gastar os 4 millóns de euros destinados a aumentar o optimismo rendíbel ou até crés que as construtoras, os bancos e as institucións públicas que lles permitiron facer o que fixeron son os que deberían sufrir (aínda que fose un pouquiño) a crise.

Isto, contigo e uns cantos optimistas, arranxámolo.

NOTAS

1."Los españoles no se rascan el bolsillo para salir de la crisis". Beatriz Amigot. Expansión 19-02-2010

Via --> Consomes ou devoras?

Publicado en Consume Hasta Morir


zocarede