buy-nothing-day - Share on Ovi
 

Ir mercar ao supermercado converteuse nunha práctica cotiá. De feito, un 80% das nosas compras fanse en grandes cadeas de distribución como Carrefour, Alcampo, Eroski, El Corte Inglés e Mercadona. Aínda que comemos e consumimos diariamente, e moi a miúdo facémolo mediante a compra en supermercados, poucas veces nos detemos a pensar nas consecuencias que este modelo ten para quen participan na cadea de comercialización: Labregos, traballadores, consumidores, comercio local. Agora pode ser un bo momento para expormos estas cuestións.

 Algúns impactos

A concentración empresarial en cada un dos tramos da cadea agroalimentaria vai en aumento e o sector da distribución non é unha excepción. A dinámica en Europa, por exemplo, apunta a unha tendencia ascendente. En Suecia, tres cadeas de supermercados controlan o 95,1 por cento da cota de mercado, en Dinamarca tres cadeas monopolizan o 63,8 por cento, e en Bélxica, Austria e Francia unas poucas compañías dominan máis do 50 por cento. Cada día temos menos portas de acceso aos alimentos, á vez que o produtor ten menos opcións para chegar a nós. O poder da industria agroalimentaria é total e a nosa alimentación quedou supeditada aos seus intereses económicos.

Este modelo de distribución ao detalle, que se xeneralizou nos últimos cincuenta anos no Estado español, comporta un empobrecemiento xeral da actividade campesiña, a homoxeneización daquilo que consumimos, a precarización dos dereitos laborais tanto nos seus centros comerciais como naqueles que lles provén, a perda do comercio local, a promoción dun modelo de consumo insustentábel e irracional. Algunhas cifras.

O diferencial entre o prezo en orixe dun produto –pagado ao labrego– e en destino –o que pagamos nun ‘súper’– é unha media do 490 por cento, segundo cifras do sindicato campesiño COAG (Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos), pero nalgúns alimentos este pode chegar a superar con fartura o 1.000 por cento, como é o caso das patacas, os tomates, os pepinos ou as cenorias. A gran distribución é quen leva o beneficio. Esta situación comporta un crecente empobrecemiento da poboación labrega, cunha diminución anual da súa renda do 26% nos últimos cinco anos. Con estes datos non nos tería que sorprender que cada tres minutos en Europa desapareza unha explotación agraria, segundo datos da Vía Campesina, xa que os pequenos produtores non poden competir coa agroindustria.

No eido laboral, o traballador está sometido a ritmos de traballo intensos, tarefas repetitivas e pouca autonomía de decisión, que comportan doenzas, como a tensión, o esgotamento, as dores crónicas nas costas e cervicais, etc. Ademais, os horarios laborais altamente flexíbeis, en función dos intereses produtivos da empresa, dificultan a conciliación da vida laboral coa social e familiar, facendo que o traballador chegue a perder até o control sobre o seu tempo libre.

O impacto no pequeno comercio é devastador. Se no ano 1998 había no Estado español 95 mil tendas, no 2004 esta cifra reduciuse a 25 mil. O comercio tradicional de alimentos sufriu unha erosión constante e imparábel desde os anos ‘80, chegando a ser hogano case residual.

 Alternativas

Con todo, podemos vivir sen supermercados? Os grupos e as cooperativas de consumo agroecolóxico, a merca directa ao campesiño, o comercio local, as cestas a domicilio, ir ao mercado... son algunhas opcións alternativas que implican un modelo de comercialización de proximidade, establecendo unha relación directa e solidaria entre o campesiño/o campo e o consumidor/a cidade. Trátase de opcións de compra que medran. Se antes do ano 2000 en Cataluña tan só existían dez grupos de consumo ecolóxico, hoxe en día esta cifra chega case a un cento.

Esta acción colectiva no eido do consumo é fundamental para empezar a cambiar dinámicas e chegar a máis xente. A miúdo fálasenos do noso poder individual como consumidores, pero aínda que a acción individual achega coherencia e é demostrativa, por si soa ben poucas cousas pode cambiar. A perspectiva política é clave. Por exemplo, eu podo formar parte dunha cooperativa de consumo e optar pola compra de alimentos ecolóxicos, pero se non se prohiben os transxénicos chegará o día en que tanto a agricultura convencional como a ecolóxica estará contaminada, froito dunha coexistencia imposíbel. Xa que logo, fai falta mobilizarnos, saír á rúa e esixir que queremos políticas agrícolas e alimentares que garantan un consumo saudábel, respectuosas coa natureza e que teñan en conta os dereitos do campesiñado e os traballadores.

A lóxica capitalista que impera no actual modelo agrícola e alimentar é a mesma que afecta outros ámbitos das nosas vidas: a privatización dos servizos públicos, a especulación coa vivenda, a deslocalización empresarial, a precariedade laboral. Cambiar o sistema agroalimentario implica un cambio radical de paradigma. E para facelo a acción política e a creación de alianzas con outros actores sociais –campesiños, traballadores, ecoloxistas, feministas...– é imprescindíbel. 

Esther Vivas é coautora do libro Supermercados, no gracias (Icaria 2007). Publicado en La Directa, nº 171

 Via --> Altermundo



zocarede