Food Rebelion - Share on Ovi

DIAGONAL: Dous anos despois de que se desatase a crise alimentaria mundial, continúan as rebelións alimentarias?
ERIC HOLTZ: Non hai tantas como en 2007 e 2008. Pero si que continúan, porque no fondo a rebelión alimentaria é unha rebelión política contra un sistema que non serve aos intereses da poboación, senón aos monopolios que controlan os sistemas alimentarios. O que pasa é que agora a cara da rebelión cambiou. Hai moita máis organización, existen máis alianzas, máis mobilizacións políticas.

D.: Malia ser unha das causas máis directas desta crise, a especulación con grans continúa. Que previsións hai sobre o prezo dos alimentos e sobre unha nova crise que agrave máis a existente?
E.H.: Os prezos baixaron moi pouco. Aínda non se resolveron as causas próximas, nin máis profundas, da crise alimentaria. Reuníronse os grandes organismos como a FAO, o FMI ou o BM en Madrid e Roma, onde se acordaron unha chea de compromisos que non se cumpriron. Non cambiou nada. As corporacións están máis fortes que nunca e os gobernos tampouco se moven para resolver nada. Pero os movementos sociais pola soberanía, a xustiza e a democracia alimentaria están cada día máis fortes e cada día únense máis. O que se espera é unha militancia maior en torno non só aos alimentos, senón a todas as crises que vivimos.

D.: Criticouse moito a presión da agroindustria nos organismos internacionais. Que poder real na toma política de decisións teñen os Estados fronte ás grandes corporacións?
E.H.: As corporacións manexan os gobernos. Un exemplo moi claro é o de EE UU e Obama. Os que financiaron a súa campaña non foron só os pequenos contribuíntes electorais, senón ADM, Cargill ou Monsanto. De feito, Obama viaxaba nun avión de Monsanto; agora non pode pronunciarse nin moverse contra eses monopolios. O discurso de Obama ten que ser o destas corporacións: "Necesitamos transxénicos, necesitamos producir máis porque o pobre mundo morre de fame e imos darlles para comer". Pero as causas reais non se buscan, porque o certo é que hai alimentos dabondo para todo o mundo.

D.: Que papel desempeña a axuda alimentaria nas crises de moitos países?
E.H.: A axuda alimentaria o que fai é quebrantar os mercados agrícolas nos países do terceiro mundo, os campesiños e campesiñas aí non poden competir. Esa axuda alimentaria moitas veces non é máis que un mecanismo dos países para desfacerse dos excedentes e a sobreproducción que teñen, porque reciben moitas subvencións, non só económicas, senón tamén ecolóxicas, sociais. Ademais, a man de obra é barata, son migrantes. Iso permite a través dos fondos públicos que pagan pola axuda alimentaria ese excedente. O problema non se pode solucionar aplicando as causas de problema como solución.

D.: Seguen influíndo os agrocombustibles na subida do prezo dos alimentos?
E.H.: Claro. Até o Banco Mundial tivo que admitir que influíron en que subisen até un 40%. De momento o sector financeiro dos grans aínda non se regulou e séguese especulando. Ademais, o problema cos agrocombustibles é que no norte xa non hai terras. En Europa hai un 8% do territorio dispoñible, pero, por exemplo, en EE UU non hai nada. O que se busca é quitar terras no sur dedicadas aos alimentos para plantar agrocombustibles. A xente pensa que no sur hai moitas terras, pero non se ten en conta que son terras pastoriles, onde vive xente, sementan ou cultivan.

D.: Como afecta a esta situación as políticas enerxéticas impostas pola UE? Por exemplo, un 10% dos combustibles deben ser de orixe vexetal para 2020.
E.H.: No norte estamos obrigados e obrigadas a consumir agrocombustibles polas políticas enerxéticas que temos na UE e EE UU. O sector petroleiro e financeiro, as grandes compañías de grans como ADM investiron en agrocombustibles porque saben que estamos obrigados a comprar o seu produto. Onde van atopar terra e auga para sementa? No sur. Isto vai provocar un dos conflitos agrarios maiores que se viu. A nivel mundial a maior parte vivimos nas cidades, pero hai millóns de campesiños e campesiñas (a maioría mulleres) e onde van ir si están a desaloxalos das súas terras en Brasil, en Centroamérica, en Colombia, en África?

D.: Que alternativas enerxéticas existen?
E.H.: A única opción é que o norte ten que consumir menos. Pero, claro, ningún político é elixido no norte afirmando algo así: "Si me elixídes a min o ano que vén haberá que consumir menos". Os discursos reafirman o contrario: que se vai a ter máis. Pero iso xa non é posible, temos que consumir menos enerxía.

A OUTRA CARA DA REBELIÓN

Cun prólogo de Walden Belo, Rebelións alimentarias non fala só das causas estruturais da crise. Tamén analiza as iniciativas levadas a cabo en distintos países para construír un modelo democrático alimentario: movementos con bases tan diferentes como as federacións campesiñas en África que defenden a agricultura familiar, o slow food, os hortos urbanos ou os grupos de consumo.

Via --> Diagonal


zocarede