programa_pesca_vigo - Share on Ovi

As xentes que viven do mar coñecen de primeira man a realidade do sector pesqueiro. Son testemuñas, día a día, das continuas agresións ao medio mariño. Testemuñas e axentes involuntarios. Empresas e mariñeiros tratan de manter unha actividade extractiva cada vez menos rendíbel e que, diante da presión do mercado capitalista, carece de regulamentacións e límites racionais, o que deriva na sobreexplotación do mar como recurso e na súa degradación como ecosistema.

Dende as artes tradicionais de antano até a pesca industrial de hoxe, a actividade pesqueira sufriu unha evolución tecnolóxica que, asociada ao actual modelo socioeconómico, ten efectos perversos. En primeiro lugar, unha desmesurada capacidade de explotación, e a correspondente desmesura na demanda. En segundo lugar, a concentración dos medios extractivos máis potentes nas mans das poucas empresas coa capacidade económica e tecnolóxica precisa. En terceiro lugar, o férreo control do mercado por intermediarios multinacionais.

A sobreexplotación dos caladoiros está a provocar un esgotamento dos recursos nunca antes coñecido, mais sobre todo un desequilibrio ecolóxico que leva aos ecosistemas mariños a unha situación crítica, ocultada sistematicamente polos poderes políticos á opinión pública.

Os beneficios económicos da pesca concéntranse nunhas poucas de mans. Mentres, as xentes do mar e os traballadores das empresas do sector teñen dificultades para sacar adiante as súas modestas economías. A desmesura da extracción, o emprego de artes destrutivas e o seu abandono no mar, teñen graves efectos na pesca de altura e de baixura, nas augas oceánicas e nas litorais, en todo o mundo. Isto compromete gravemente a subsistencia de moita xente, sobre todo nos países da periferia.

En Galiza, as artes tradicionais e a pesca de baixura enfróntanse a un proceso de extinción económica e cultural, consentido ou incluso planificado polos poderes públicos. As nosas costas xa non fornecen a demanda dos mercados propios coas especies do día. Os peixes e mariscos que consumimos proceden máis da importación e dos cultivos que das augas e areais galegos. E é que, no noso  país, aos efectos da sobreexplotación pesqueira engádese a degradación ecolóxica do litoral provocada pola actividade humana, tanto en terra como no mar. Os asentamentos urbanos, a industria, as infraestruturas, o agro e a mesma pesca son xeradores de residuos e fonte de verquidos contaminantes, produtos que, incontrolados e non depurados, acaban depositados ou disoltos nas augas costeiras, absorbidos nos sedimentos dos fondos das enseadas, esteiros e areais e, finalmente, incorporados, a través das cadeas tróficas, nos organismos das especies mariñas, incluídas aquelas das que nos alimentamos. A isto hai que engadir a ocupación directa do leito mariño pola desmedida proliferación de infraestruturas portuarias, o que supón a desaparición de ecosistemas valiosos, a alteración das correntes e unha nova achega de materiais contaminantes.

Hoxe non podemos ver o mar como o que era antes: un ecosistema portentoso e unha fonte de recursos aparentemente inesgotábel. O mar está ferido pola man do home, por un sistema socioeconómico irracional, pola procura compulsiva de beneficio económico, pola inconsciencia do ser humano e pola súa insensibilidade cara o medio que soporta a súa mesma vida.

Este mar ferido precisa accións urxentes. É necesario deter as agresións ao medio mariño, atopar o xeito de reparar os danos provocados e restaurar o seu equilibrio ecolóxico. É necesario atopar un novo rumbo, que nos permita abandonar a nosa actual condición de depredadores que compiten encarnizadamente por uns recursos limitados, e que nos leve a unha coexistencia cooperativa, e a un modo de vida o máis simbiótico posíbel co medio do que procedemos e ao que pertencemos.

O vindeiro mes de Maio vaise a celebrar en Vigo unha xuntanza informal de Ministros de Pesca da UE. O seu obxecto é seguir tratando de elaborar e reformar o marco legal para unha pesca máis sustentábel. É dicir: tratar de elaborar unha política pesqueira menos irracional. Unha política que non dan acadada despois de moitos intentos errados. Unha política que debería ter un obxectivo radical: unha pesca racional e sustentábel, e que xa tería que estar a funcionar e dando resultados dende hai anos, quizais dende os propios comezos da actividade pesqueira a grande escala. Pero a UE segue a dar bandazos, presionada por un mercado que busca o menor custo e máximo beneficio, sen ter en conta os parámetros sociais e ecolóxicos nos seus cálculos. Deste xeito, a UE dálle cova a unha actividade pesqueira industrializada de comportamento salvaxe cos propios recursos e co medio mariño.

Ante a absoluta desinformación por parte do sistema político-económico sobre a gravidade do problema, o Cumio é unha ocasión excelente para rachar o silencio. Para que os movementos sociais fagamos oír a nosa voz de alarma e denunciemos a situación. Para facer un debate público, analizar o problema e buscar alternativas. Para concienciar á sociedade. Para salvar o mar... e a nós mesmos.

Via --> Altermundo



zocarede