bidoche-nicolino - Share on Ovi

O escritor francés Fabrice Nicolino, autor do libro "Bidoche", éxito editorial en Francia que trata sobre os efectos do excesivo consumo de carne, explica as súas dúbidas ao respeito nunha entrevista concedida á edición online do  xornal francés L'Express.

Como cualificaría Vostede a  carne que se atopa actualmente no mercado?
Máis ben como de mala calidade. E non son vegetariano. En moi pouco tempo, o mundo viviu unha completa revolución da industria cárnica e da gandaría. O que antes  supuña unha relación do home co animal, unha relación entre dous seres vivos, deixou de existir. Hoxe en día os animais son hacinados por centenares en naves industriais e alimentados con soia xeneticamente modificada.

Como chegamos a esta situación?
Despois da Segunda Guerra Mundial quixemos imitar un sistema como o de Estados Unidos, que nos parecía perfecto. Tras as fames negras provocadas pola guerra, creouse unha necesidade de consumir carne en maiores cantidades. Realizáronse enormes investimentos no campo da investigación xenética, en tratamentos a base de medicamentos e na creación de inmensas fábricas de gando nas que os animais engolen antibióticos, hormonas de crecemento e OGM.

Que pensa Vostede deste sistema?
Hoxe en día podemos dicir que se trata dun problema de saúde pública. Creamos uns novos animais aos que lles administramos medicamentos preventivos que despois van parar á nosa alimentación a través da súa carne. Os que consomen carne comprada no supermercado están a adquirir sen sabelo organismos xeneticamente modificados (OGM). Paradoxalmente, moitos destes consumidores opoñense ao seu cultivo.

É isto o que máis lle impresiona?
É un feito importante. Pero o que máis me impresiona é o abismo moral ao que o home se precipitou ao infrinxirlles este trato aos animais. Na miña opinión, o que sucede na industria cárnica é unha barbarie a gran escala. Creamos un terrible sistema cuxa gravidade non se valora debidamente.

Segundo numerosos expertos, a industria cárnica é unha ameaza para o medioambiente Que pensa vostede diso?

Cando comecei a documentarme para escribir o meu libro, comprobei  o enorme consumo de enerxía que supuña alimentar aos animais de forma industrial. Necesítanse de 7 a 9 calorías vexetais para producir unha soa caloría animal, o que supón a produción e o transporte de enormes cantidades de vexetais e de cereais. É un dato pouco coñecido pero, actualmente, o 70% da superficie agrícola de Europa utilízase para alimentar o gando.

Que problema pode causar isto a longo prazo?
Co enorme aumento do consumo mundial de carne, países como China e India demandan cada vez maior cantidade, é necesario atopar novas terras para alimentar ao gando. Pero actualmente no mundo hai 1.000 millóns de seres humanos que padecen fame crónica. Se non se atopa a fórmula para frear este demencial apetito pola carne, é fácil deducir que a fame acabará estendéndose por todo o planeta.

Con todo vostede afirma que segue comendo carne. Con que frecuencia? Como a elixe?
Eu como carne aproximadamente dúas veces ao mes. Cómproa ecolóxica e certificada. Pero,  aínda que isto ofrece certas garantías, non elimina todos os riscos. En principio, os animais criados con métodos ecolóxicos están mellor tratados, reciben poucos tratamentos médicos e non inxeriron nin pesticidas nin OGM.
De todos os xeitos, hoxe en día está comprobado e recoñecido que un alto consumo de carne non é beneficioso para a saúde. Consumir moita carne vermella propicia un aumento do colesterol, un alto risco de enfermidades cardiovasculares e favorece a obesidade e o cancro.

É aínda posible frear este consumo de carne? Con que medios poderíase lograr?
Desgraciadamente creo que imos polo mal camiño. Mesmo me atrevería a dicir que é imposible. Pero, ao mesmo tempo, penso que se houbo unha vontade pública e política que nos fixo consumir carne en grandes cantidades, pode haber a mesma vontade para frear este consumo que se mostra cada vez máis pernicioso: é prexudicial para a saúde e para o planeta, inmoral cos animais e cos nosos irmáns humanos que padecen fame.

Orixinal --> Lexpress


zocarede