aviom - Share on Ovi

Tras a prolongada paralización do tráfico aéreo europeo provocada pola erupción dun volcán islandés e as correspondentes perdas, algunhas compañías empezaron a reclamar axudas económicas dos estados para superar a fochanca. Unha vez máis, escoitamos unha sorprendente interpretación da economía de mercado que consiste en dicir que o Estado debe absterse de intervir en economía, e deixar que a empresa privada cubra toda a demanda e faga o seu lexítimo negocio. Iso si: cando as cousas van mal e xorde un imprevisto, o Estado debe intervir para salvar a empresa.

Segundo a ortodoxia doctrinal, o mercado é un bo regulador porque premia ao empresario eficaz e castiga co fracaso ao que non o é. En caso de imprevistos, existen compañías de seguros que cobren as eventualidades, tamén segundo as regras de mercado. Pero, á hora da verdade, esta ortodoxia déixase arrumbada no faiado e acódese sen complexos a papá Estado para que salve as compañías ameazadas de quebra.

Para axuizar esa reclamación de axudas, vale a pena examinar máis de perto algúns aspectos da aviación comercial. Para empezar, as aeronaves consomen un carburante que está exento de impostos. Cando enchemos o depósito do coche con gasolina, pagamos 396 euros por mil litros de carburante (en Italia, páganse 564; en Francia, 606, e en Alemaña, 655). En España, os impostos son case a metade do prezo; nos outros países, máis da metade. En cambio, o carburante da aviación non paga nin cinco. No Congreso dos Deputados houbo dúas proposicións de lei para eliminar a exención de impostos do carburante de aviación (seguindo os exemplos de Noruega e Holanda), unha presentada por ERC en setembro de 2007 e outra presentada por EU-ICV, WWF España, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Comisións Obreiras en xullo de 2009. Ningunha das dúas prosperou e o gasóleo para a aviación segue exento de toda carga impositiva. E non só isto, senón que ademais a aviación queda fóra do Protocolo de Kyoto en materia de cotas de emisións de CO².
Pero o problema está sobre a mesa: en decembro de 2007, adoptouse unha proposta de directiva europea na materia. Proposta decepcionante: debateuse se debían adoptarse gravames ou dereitos de emisión, e resolveuse descartar os gravames. En principio, hai o compromiso de que a partir de 2012 os voos comerciais da Unión Europea deberán rexerse polos dereitos de emisión establecidos polo Protocolo de Kyoto. Calculouse que, se se adopta este compromiso, as aerolíneas da UE deberán desembolsar en conxunto uns 4.000 millóns de euros anuais por estes dereitos de emisión, o cal repercutirá en aumentos dos prezos dos voos que pagarán os usuarios.
Estes datos poñen en evidencia un paradoxo: por que se dan beneficios fiscais a un luxo, o luxo de voar? Trátase dun luxo ambientalmente moi caro. A aviación é o modo de transporte máis custoso en enerxía consumida por persoa-quilómetro: en 2005, consumía o 12% de todo o petróleo usado no transporte mundial, o cal é unha proporción enorme se se ten en conta que o transporte inclúe navegación, trens e vehículos de motor. O baixo custo dos voos estimulou o uso trivializado e abusivo do avión. O vello soño de Ícaro converteuse en algo tan banal para a quinta parte privilexiada da humanidade que calquera recorte ou encarecemento vivirase como unha perda.
No entanto, non podemos ignorar que, de feito, é un luxo. Ademais, ao ser un modo de viaxar cuns riscos moi controlados, pero non por iso menos importantes, esixe unhas precaucións especialísimas. Por iso, ante un accidente natural como o dos efectos da erupción volcánica, non ten sentido que o erario público salga a cubrir as perdas empresariais. Economicamente, os riscos cóbrense con pólizas de seguros. O normal é que as compañías tomen eses seguros e que os viaxeiros paguen o custo que lles corresponda das pólizas.
Seica debemos aceptar que se encareza viaxar en avión? Pois si, isto é exactamente o que propoño. De feito, significa propor que se pague todo o custo real de viaxar en avión: hai que incluír no custo do voo a contaminación atmosférica, o quecemento global e uns seguros que cubran un modo de viaxar arriscado. En realidade, se pagásemos todos os custos implicados na aviación (incluíndo, por exemplo, a construción e mantemento de aeroportos), a factura seguramente aínda sería superior. E é que só se nos afacemos a pagar todos os custos das nosas actividades correspondentes á deterioración do medio natural, aprenderemos a respectalo e a administrar sabiamente os recursos naturais que hoxe estamos a dilapidar. Viaxaremos menos en avión, pero non creo que isto empobrezca nosas vidas. O gravísimo problema que teremos é que nos afixemos a estas comodidades e custaranos prescindir delas.
En menos de 20 anos, entre 1990 e 2007, a cantidade de voos no mundo duplicouse. Non podemos seguir así. A Terra ponnos límites: escoitémola. E, en todo caso, non fagamos a bobada de subsidiar luxos: reservemos os recursos do Estado ?que son os de todos? para cubrir necesidades básicas non satisfeitas.

Joaquim Sempere é profesor de Teoría Sociolóxica e Sociología Ambiental da Universidade de Barcelona

Orixinal --> Público


zocarede