comendo - Share on Ovi

Tiña todo o proxecto da nova queixería a punto, só lle faltaba comprar algúns utensilios pero xa non me alcanzaban os meus aforros esgotados. Os últimos anos foran pésimos para a miña pequena explotación de vacún. Na nosa zona dúas grandes marcas controlan toda a compra de leite e marcan a uns prezos cada vez máis baixos. A subida de prezos dos cereais para o penso, rematoume. Canto máis producía, máis perdía.

Pensei que sendo un emprendemento que xeraría polo menos un par de postos de traballo, a administración apoiaríame. No Departamento de Agricultura ó que lle solicitei unha axuda de mil euros, dixéronme: "Non, non nos quedan fondos para isto. Cos recortes, o orzamento de subvencións volatilizouse". O técnico irónico resolveu que "seguramente, eses fondos estarán reflotando algún banco"...

Ben, pois se o diñeiro voou cara a algún banco, dirixinme a algúns deles. Quizais, eses mil euros recentemente chegados, estarían dispoñibles. Pero non, dixéronme en varias sucursais: "Non temos liquidez, e non podemos arriscarnos a proxectos coma o seu".

Volvendo á casa non podía deixar de preguntarme, entón que fan os bancos con todo o que se lles entrega para sanealos? A que o dedican? Pensei nos salarios dos directivos, pero tiñan que existir outros destinos. Así que ao día seguinte visitei outras sucursais bancarias con outra estratexia e consulteilles sobre mil euros que tiña aforrados. Onde os podía investir? Tiven varias propostas. Na primeira entidade ofrecéronme un fondo de investimento ligado á agroindustria, de forma que investiría nalgunha das mellores empresas agroalimentarias do sector que -seguro- cotizarán á alza. Na segunda presentáronme un fondo ligado ós cereais. "É un bo momento, coas secas e o aumento da demanda, o prezo do gran está subindo como a espuma", comentou o empregado.

Entendín moitas cousas: mil euros dos fondos públicos que poderían reactivar economías locais, son mil euros para aumentar o poder das agroindustrias que, colosos do monopolio, estrangúlanme; ou son fondos especulativos que me arruínan aumentado os meus custos de produción.

NOTA: Onte recibín unha comunicación do Departamento de Agricultura. Teño que pagar unha sanción por venderlles leite directamente a clientes sen todos os permisos. Importe a pagar: mil euros..

Visto en --> Galiciahoxe


zocarede