aforroenergia - Share on Ovi

O do aforro enerxético está moi ben, si, pero se se fixese en serio acabaría chocando cos nosos dereitos máis elementais: o dereito a ir en coche a calquera sitio, o dereito a estar en manga curta en febreiro, o dereito a ter a igrexa do pobo máis iluminada que a catedral de Florencia, o dereito a comer a froita que queiramos todo o ano aínda que haxa que traela doutro continente, o dereito a viaxar en avión ou AVE?

Hai que esixir ao goberno un plan de aforro ambicioso, si; pero, coa man no corazón, a que estamos dispostos a renunciar nós? A pouco, polo que parece, ou iso indican as respostas que ouvín tras a proposta de redución a 110 quilómetros, coma se a velocidade a 120 (que poucos respectan ademais) fose un dereito adquirido, ou mesmo un dereito natural, irrenunciabel.

Mentres non se abra un debate a fondo sobre a insostenibilidade do noso modelo económico, enerxético e de consumo, calquer medida chocará con esa mentalidade. Tampouco axuda que o goberno presente as medidas (de seu tímidas) como algo temporal, conxuntural, motivado por estreitezas económicas, o que reforza esa idea de que renunciar a certos consumos quítanos calidade de vida; ou que aposte por enerxías alternativas pero para seguir consumindo ao mesmo ritmo.


Tardar vinte minutos máis nunha viaxe de 400 quilómetros é terceiromundista, reducir o consumo de luz parece unha cartilla de racionamento, ir en transporte público é cousa de pobres, en bicicleta ían os nosos avós porque non tiñan coche, e a publicidade desas compañías enerxéticas tan ecoloxistas ensinounos o ben que se está en casa descalzo e en camiseta mentres neva fóra. Por que renunciar a nada?

Faría falta un debate serio, aberto, público, onde se ouvisen todas as voces. Talvez entón convenceriámosnos de que outro modelo non só sería máis barato e menos contaminante: ademais viviriamos mellor. Pero claro, se a crise non serviu para cuestionar o modelo económico, non confíen en que a crise enerxética traia un cambio de modelo.


Isaac Rosa. Blogs de Público.


zocarede