para Zoca - Share on Ovi

Se no Peloponeso Grego abrisen o maior centro comercial europeo, pensaríamos que se volveron tolos ó situalo nunha periferia pobre e pouco poboada. Pero iso mesmo vimos sendo nós: un recuncho afastado con menos de tres millóns de europeos e sen unha grande cidade de referencia. Certo que A Coruña cóntase entre as grandes áreas metropolitanas españolas, pola súa influencia territorial e riqueza. Pero que o maior centro comercial do reino estea aquí soa a arroutada sen medida, como soaba a tal que hai unha década España fachendease de construír case tantas vivendas coma o resto de Europa… Ata que deixou de facelo.

O Marineda non naceu de onte para hoxe e as súas orixes pódense rastrexar na frouxa regulación das implantacións comerciais feita polo goberno galego, o que lles permitiu ás promotoras de grandes superficies decidir á súa conveniencia, pero non necesariamente á do país. Sumando a elo o xeito de entender a cidade polo concello coruñés entre 1983 e 2007, o resultado é que na Coruña viñeron instalarse todas, ó reclamo da área urbana galega con máis pulo.

Chega agora a apoteose final e cabe supoñer que unha implantación dese tamaño estará ben estudada. Aínda que o seu xermolo está nos anos idos de diñeiro abundante a baixos xuros, é posible que o megacentro sobreviva coa situación de hoxe; polas grandes firmas que están tras del e porque o seu obxectivo é toda Galicia (aínda que non o pareza, pola masiva publicidade só en castelán). No fondo, ante a renuncia do “regulador”, os promotores das implantacións seguen as regras do mercado, sen máis lóxica ca do capital, nin máis idea ca de facer tantos cartos como sexa posible. Algo similar ao que pasou co mercado financeiro e que explica en parte a crise actual.

Pero parece que non deberamos deixar só ás promotoras que regulen a vida das nosas cidades ao seu antoxo, senón facelo nos dacordo coa nosa idea de futuro. Certo é que ocio e consumo van cara a concentración en grandes operadores con estratexias globais e que non ten sentido loitar contra a onda, senón navegar co seu empuxe ata ser un “campión” global, como fixo o noso Inditex. Pero iso non implica renunciar a unha regulación que souberon facer, poñamos por caso, no País Vasco ou Suíza. Regulación que está tamén na base dun urbanismo con xeito: reparto de cargas e socialización de beneficios, e non deixar só ó albedrío do mercado a construción de cidade e territorio.

Porque calquera grande implantación comercial non é neutra no resultado que produce, tanto no núcleo no que se asenta, como no seu territorio de influencia. O tecido comercial de rúa da Coruña xa hai tempo que esmorece, con baixos pechados e rúas como San Andrés que son un triste reflexo de tempos mellores. E noutras cidades será se cadra peor, ó sufriren o efecto secante da actividade comercial, sen as vantaxes de contar coa grande catedral do consumo. En canto ó territorio, non parece que na fértil Galicia teña moito xeito mercar só nos grandes Hiper froitas procedentes do outro lado do planeta, ou patacas exipcias (e non as de Coristanco ou a Limia), mentres a nosa paisaxe vai quedando cada vez máis morta. En cidades de centro Europa souberon acadar o equilibrio entre a grande distribución, e manter ao tempo un hinterland agrario vivo e produtivo subministrando ós mercados tradicionais.

Unha nota de esperanza. Empezan a xurdir aquí cooperativas de consumo sostible, coma as que hai tempo florecen en Alemaña (Zocamiñoca na Coruña, Eirado en Compostela, Árbore en Vigo…), nas que se merca a produtores da terra, e poden axudar ó equilibrio. Porque o mellor xeito de ser universal e dende as raíces dun e porque o maior poder que temos é a quen lle damos os nosos cartos. ¿Non?

Emilio Argiz - Arquitecto

Via --> Xornal


zocarede