Asemblea extraordinaria ZM

 O próximo domingo 20 de Outubro na Casa Tomada

 1º convocatoria ás 10:30 h , en  2º convocatoria  ás 11:00 h ;   finalizando ás 14 h.

Mapa de como chegar a  Casa tomada

Os temas a tratar da asemblea son:

* Proceso de Facilitación na cooperativa (20 minutos)

Na realización de calquera proxecto colectivo, un grupo de persoas pasa por diferentes fases de evolución e crecemento. Zocamiñoca, a nosa cooperativa de consumidoras, iniciou a sua andanza no ano 2009. Nestes anos, as persoas que formamos esta cooperativa, as que se foron incorporando a este proxecto, e a cooperativa en sí, foi pasando por diferentes etapas nas que as socias tivemos experiencias diversas: no proceso da constitución, nas asembleas, nos grupos de traballo, como consumidoras, como colaboradoras, etc. Co gallo de aumentar a consciencia sobre esta iniciativa e o seu desenvolvemento, e para contribuír á boa saúde deste proxecto, propoñémosvos unha aproximación á Facilitación.

A Facilitación podería describirse como un conxunto de técnicas e habilidades que permiten desenvolver unha mellor comunicación, coñecernos mellor en grupo, tomar boas decisións, resolver tensións e conflitos, aprender a cooperar e a celebrar o que somos. Trátase, dalgún xeito, de crear comunidade.

O obxectivo é crear un contexto no que se poida abordar temas como a visión colectiva, a comunicación, a participación, as experiencias tidas como socias (positivas e negativas), en definitiva, profundizar nunha serie de aspectos que, consideramos pode redundar positivamente no proxecto.


* Elección dos novos membros do Consello Reitor da cooperativa (1 hora)

O Consello Reitor é o órgano legal encargado da xestión das cooperativas. Polo tanto é quen ten a responsabilidade legal desta xestión. Non obstante, en Zocamiñoca, pensamos que esta forma de organización é excesivamente xerárquica e non reflexa o noso desexo de funcionamento máis horizontal e corresponsable entre todas as socias. É por iso que creamos unha estrutura de funcionamento real máis acorde cos nosos ideais, que recordamos de novo:

  • O fomento da implicación das persoas integrantes da cooperativa.
  • O funcionamento horizontal e con base asemblearia.
  • O traballo baseado na confianza e na autonomía das persoas.
  • A tendenza a un proceso de grupo fluído, eficaz, ameno, positivo e cordial.
  • A austeridade voluntaria no emprego dos recursos.

Organizámonos en grupos de traballo e comisións especializados para ter unha mellor xestión da cooperativa. As persoas socias poderán participar de unha ou mais comisións ou grupos de traballo.

A estrutura real estaría formada por:

Coordinadora: Grupo encargado da xestión máis a medio prazo da cooperativa e responsable última do seu correcto funcionamento. Non obstante, non é o grupo onde se toman todas as decisións da cooperativa, xa que os grupos de traballo toman as súas propias en función das súas competencias, sin que estas teñan que pasar previamente pola coordinadora. Poden ademais consultar ou recibir suxerencias dos diferentes grupos de traballo e de todas as socias.

Grupos de traballo: Grupos encargados dun ámbito de actuación dentro da cooperativa. Existen actualmente os seguintes grupos de traballo: comunicación, produtoras, local, informática, económico e saúde. Encárganse de planificar o seu traballo, realizalo e tomar as decisións que correspondan. Poden ademais consultar ou recibir suxerencias, tanto da coordinadora como de todas as socias.

Comisións: Son, simplemente grupos de traballo non permanentes. Actualmente existen as seguintes comisións: participación, visitas a produtoras e incentivos ao consumo.

As socias poden participar voluntariamente de calquera grupo dentro da estrutura da cooperativa. O desexable é que todas as socias estean dalgún modo integradas no seu funcionamento e, en todo caso, é necesario que a maioría estean efectivamente integradas. A coordinadora estará formada, cando menos, polos membros do consello reitor legalmente elexidos e un ou varios representantes dos diferentes grupos de traballo.

Para saber máis do funcionamento da cooperativa, podedes ler os estatutos da cooperativa zocamiñoca en pdf. E si recomendamos a todas as socias, se aínda non o lestes, ler o regulamento de rexime interno da cooperativa zocamiñoca en pdf.

* Descanso (20 minutos)

* Comisións temporais e grupos de traballo. Visibilización do traballo realizado e obxectivos a curto-medio prazo (1 hora)


Ao remate da Asamblea poderemos quedarnos na Casa Tomada para beber e picar, polo que entre as socias podemos levar bebida ou comida para compartir co resto.

 !!! esperamos vervos o próximo Domingo !!



zocarede