sequeiro2sequeiro

Entre o sábado e o domingo un grupo de 14 persoas compartimos espazo, traballo e sobretodo moitas conversas con Sabela, Luis e Martiño, as artífices desta iniciativa de recuperación e aprobeitamento dos antigos soutos do Courel para a producción de castañas frescas e secas e a elaboración de productos tan sabrosos como o pan e mantecadas de fariña de castaña.
Nos dous días conseguimos apañar 340kg de castañas, o que non está nada mal para unhas principiantes, e aprendimos que existen nada menos que 80 clases diferentes de castañas na Galiza!!!

Os soutos son cultivos de castiñeiros traballados e coidados durante moitos anos por as diferentes casas nas que se organiza a vida da zona. É pois importante ser respectuosa e non apañar castañas indiscriminadamente, especialmente en grandes cantidades. Unha indicación infalibel é observar se o souto esta limpo de maleza e as castañas están facilmente á vista no chán, a única explicación posibel é que alguén pasou o tempo e traballo en limpalo.
O valor de Zocamiñoca que tratamos nesta visita foi “A dignificación do rural”.
A través dunha dinámica de grupo respostamos ás preguntas “Qué significa para mín a dignificación do rural? e “Que pasiños poderíamos dar como individuas e/ou colectivo para avanzar cara a esa diginificación?” Falamos literalmente desde a cabeza, as orellas, as mans, as pernas…onde íamos colando nun panel con forma de persoa as nosas aportacións ao debate. Concluímos que o pensamento teórico é moi importante pois foi a base de que Zoca se iniciase como cooperativa de consumo e de que este fose un dos valores que nos moverían como colectivo, pero que a experiencia práctica de nós estarmos aqui no Courel con unha das nosas produtoras dáballe unha maior dimensión á idea e propiciaba a acción e aplicación desa teoria na práctica. No final hai moitos factores e espazos de acción desde onde comezar a transformar (educación, consumo, política, relacións persoais, iniciativas, experiencia, etc) tanto a nível colectivo como individual para conseguir o noso obxectivo que é estar na vida e estar ben.
Non todo ía ser traballar e debater e pois tivemos tempo para a música, as risas e a comida, moita comida, e desfrutar da paisaxe, choiva e sol do Courel que nesta altura do ano é sen dúbida un lugar dos mais máxicos do mundo.
Estamos xa a espera do próximo outono no que volveremos ao Sequeiro da Portela.
Grazas a todas!


zocarede