Once colectivos galegos forman unha rede de consumo alternativo ao modelo antinatural e especulativo imperante.
O xoves 27 de novembro pasado, tras seis longos meses de xestación, nacía en Santiago de Compostela a Rede Galega de Consumo Responsábel e Consciente, con once colectivos que agrupan máis de 1.500 asociados e asociadas e que facturan ao longo do ano preto dun millón de euros.

A iniciativa nace nunha contorna xeral no que a progresiva conciencia polas persoas de que o consumo ten fortes consecuencias culturais, sociais, económicas e ambientais, e a posta en cuestionamento dun sistema de produción antinatural e especulativo desenvolvido pola industria desde a segunda metade do século XX, ten provocado por un lado varias loitas en todo o mundo contra algunhas das corporacións que son responsábeis dun modelo consumista e explotador e polo outro, o nacemento de organizacións que propoñen outro modelo de consumo, un consumo consciente e sustentábel.

 

 Facendo unha primeira caracterización de ditas organizacións podemos dicir que 1) son promovidas desde a cidadanía de forma colectiva e no ámbito local; 2) teñen un modelo de funcionamento democrático fundamentado en que cada socio ou socia ten un voto; 3) interveñen na economía tratando de acadar prezos xustos desde a produción ao consumo, eliminando intermediacións, promovendo a economía local e a mellora nas condicións laborais; 4) potencian a sustentabilidade condicionando a mudanza dos sistemas de produción e a través de circuítos curtos de comercialización; 5) son iniciativas non capitalistas, xa que a acumulación de capital non é o fin senón que o capital é un dos medios para satisfacer as necesidades das persoas e da sociedade como obxectivo prioritario e 6) a información e concienciación da súa base social e da sociedade a través de estratexias de cooperación en rede, na procura da transformación social do modelo socioeconómico e ambiental.

Na Galiza as primeiras iniciativas de consumo responsábel baixo estas características xorden na segunda metade da década dos noventa do século XX, no eido do comercio xusto cos países de Sur e do consumo de produtos agroecolóxicos de carácter local. Son iniciativas que se formalizan a través de cooperativas e asociacións, mais moi poucas delas sobreviven até a actualidade, como son os casos da ONGD Amarante, presente hoxe en cinco localidades galegas, e das asociacións A Cova da Terra de Lugo e Panxea de Compostela.

No novo milenio tense producido un novo proceso de creación de novas iniciativas froito da maduración de procesos anteriores de diversos colectivos sociais (ecoloxistas; dereitos dos animais…); do medre na concienciación de persoas e colectivos de intervir de xeito colectivo a través do consumo na transformación do modelo socioeconómico e ambiental; da referencia das experiencias xa consolidadas dentro e fóra da Galiza, e da promoción e apoio desde organizacións representativas do cooperativismo galego como a Federación Sinerxía. Como exemplos no ámbito do consumo ecobiolóxico podemos destacar as cooperativas de consumo Árbore de Vigo; A Xoaniña de Ferrol e Eirado de Compostela e a asociación de consumo Semente de Ourense. No ámbito do comercio xusto cos países de Sur destacar a creación da cooperativa de traballo Mundos de Vigo.

Todas estas organizacións confluíron nun proceso de cooperación en rede como consecuencia do desenvolvemento de diversas iniciativas e actividades de divulgación, análise e debate con carácter permanente desde o ano 2004 en diversas localidades da xeografía galega onde existe interese en abordar esta temática, nomeadamente desde colectivos sociais.

Os novos froitos deste proceso son a creación da dita Rede Galega de Consumo Consciente e Responsábel a finais do ano 2008, e a constitución no 2009 de dúas novas cooperativas de consumo ecobiolóxico n’A Coruña (Zocamiñoca) e en Pontevedra.


A REDE POR DENTRO

 As organizacións integrantes pretenden a través da Rede crear e consolidar sinerxías que permitan mellorar o seu traballo individual e conxunto baixo os principios de sustentabilidade, consumo consciente e responsábel, de desenvolvemento local e arraigamento social, o comercio xusto, a soberanía alimentar, a agroecoloxía, a economía social, a loita contra os transxénicos e a transformación social non capitalista. Estes principios tradúcense na consecución dos seguintes obxectivos estratéxicos:

- Representar e apoiar os intereses das organizacións de consumo responsábel e ecolóxico integrantes ante organizacións privadas, organismos públicos e sociedade civil, exercendo un papel de presión política diante dos mesmos.

- Celar que a sociedade galega sexa receptiva aos principios da rede.

- Promover actividades e iniciativas que divulguen un consumo crítico e responsábel, a agroecoloxía e a economía social.

- Fortalecer e impulsar a organización de consumidores/as a través da formación, a cooperación comercial e o intercambio de experiencias, apoiando tamén a consolidación de novos grupos e colectivos.

- Favorecer a intercooperación entre os grupos e con organizacións de produtoras, transformadoras, distribuidoras ecolóxicas sobre os valores e principios do comercio xusto; a equidade e a complementariedade de intereses.

- Promover un sistema de información verídico e independente sobre os produtos e procesos de produción e distribución, que axuden os colectivos locais a tomar decisións responsábeis.

COOPERATIVAS

A Xoaniña. Ferrol. +INFO: www.cooperativaxoaninha.org  

Eirado. Santiago de Compostela. +INFO: eirado.wordpress.com  | www.eirado.org

Zocamiñoca. A Coruña. +INFO: \n Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver

Cooperativa de Consumo Responsábel de Pontevedra . Pontevedra. +INFO: \n Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver  

Cooperativa de Traballo Asociado Promundos. Vigo. +INFO: www.tiendamundos.com

Árbore. Vigo. +INFO: www.arbore.org  

ASOCIACIÓNS

Semente. Ourense. +INFO: www.semente.info

Panxea. Compostela. +INFO: www.panxea.org  

A Cova da Terra. Lugo. +INFO: www.acovadaterra.org  

Amarante Setem para o Ecodesenvolvemento. Pontevedra, Vigo, Ourense, Ribadeo e Compostela. +INFO: www.amaranteong.org 


O FEITO E O QUE QUEDA POR FACER

Partindo dos anteriores principios e obxectivos e dun diagnóstico definido pola necesidade de coñecemento mutuo, da curta idade das nosas organizacións, da insuficiente concienciación social no ámbito do consumo responsábel e da economía social, da insuficiente oferta e organización de produción ecobiolóxica local, entre outras causas, nos últimos dous anos as organizacións conformantes da Rede teñen intensificado o desenvolvemento de actuacións de forma conxunta como programas de fomento do cooperativismo e como fórmula para organizar o consumo responsábel; xornadas e talleres de consumo responsábel, de intercooperación no eido da comercialización e representación de intereses comúns, de mellora da xestión produtiva e da distribución; encontros con produtoras ecolóxicas para crear alianzas estratéxicas no produtivo e no político; encontros con outras experiencias similares doutros territorios.

Tamén a Rede ten dado os seus primeiros pasos no ámbito representativo coa súa presentación como organización ante a Consellaría de Medio Rural para abordar a problemática dos transxénicos e o Plan de Fomento da Agricultura Ecolóxica 2008-13; a súa adhesión a Plataforma Anti-transxénicos de Galiza e a súa participación nas xornadas do Foro Social Galego celebradas o mes de decembro pasado en Compostela.

Como adianto para 2009 do plano de traballo da Rede agárdase priorizar no ámbito interno a consolidación do modelo organizativo da mesma e apoiar a consolidación das organizacións asociadas. E no ámbito externo apoiar novos proxectos de consumo responsábel; potenciar e afianzar as relacións coas produtoras agroecolóxicas galegas no ámbito político e económico; apoiar a creación e consolidación de novas produtoras agroecolóxicas en territorio galego e cooperar con outras organizacións afíns aos nosos princípios no desenvolvemento de actividades de concienciación e educación no ámbito do consumo responsábel.

+INFO: www.consumocooperativo.org 

 

FONTE DO ARTIGO: http://www.altermundo.org/content/view/2171/1/

zocarede