O xoves 29 de marzo non abriremos a cooperativa en apoio á folga xeral.

Desde Zocamiñoca consideramos que o recente Real Decreto 3/2012 introduce unha serie de modificacións no Estatuto dos Traballadores que lesionan gravemente os dereitos das persoas traballadoras e desempregadas; trátase dunha reforma laboral (en puridade dunha reforma reaccionaria da patronal) que como expresou o ministro de Economía, Luis de Guindos, é extraordinariamente agresiva.

Deste xeito consideramos necesaria unha grande contestación social que amose o rexeitamento das medidas tomadas, xa que pensamos que non van servir para crear emprego nin para mellorar as condicións laborais, económicas e sociais; porén, entendemos que servirán para destruír máis postos de traballo, precarizar aínda máis as relacións laborais e prexudicar doblemente ás mulleres (neste caso por traballadoras e por mulleres, limitando, entre outros, o dereito de lactancia), afondando nunha crecente desprotección social que se vén dando nos últimos anos.

A modo de enumeración nada exhaustiva, esta reforma supón, sempre en termos a favor da patronal: a modificación substancial da negociación colectiva e da aplicación dos convenios colectivos; o abaratamento do despido; a posibilidade de despedimento por faltar ao traballo por unha enfermidade común; a facilidade de mobilidade funcional e xeográfica; a falta de tutelaxe da Administración en relación á presentación dun ERE; a posibilidade de baixar salarios se a empresa prevé que vai deixar de gañar ou gaña menos durante tres trimestres consecutivos; a prevalencia dos convenios de empresa por riba dos sectoriais, etc., etc. De feito, moitas das medidas xa se están aplicando e non precisamente para crear emprego.

Alén disto, tamén cremos que nun contexto de múltiples crises sistémicas (económica, enerxética, ambiental e democrática) as medidas que están tomando os gobernos ultraliberais en mans dos mercados, a banca e o gran capital financeiro o que fan é contribuír a agravar a situación afondando nun modelo de fractura e polarización sociais e de forte debilitamento duns sistemas de protección social xa de por si febles.

A reforma laboral constitúe un paso máis na estratexia de desposesión de dereitos e explotación das persoas como mera forza de traballo ao servizo do capital, dentro dun modelo económico produtivista, depredador de recursos e inxusto socialmente. De aí que consideremos imprescindíbel articular unha resposta social europea e global contra o goberno dos mercados, a dualización social, a pobreza e as desigualdades.

Desde Zocamiñoca promovemos outro modelo de produción, distribución e consumo ao servizo das persoas, onde o lucro non sexa o máis importante, un modelo que inevitabelmente ten que basearse no reparto da riqueza actualmente existente, a xustiza social, a soberanía alimentaria e o equilibrio ecolóxico. Animamos a todas as persoas a participar activamente na defensa destes valores.

Saúdos afectuosos!!,

Coordinadora da Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca

Ideas saudables para unha alimentación sostible no Nadal

Día: 16 de decembro (venres)
Hora: 19 horas
Lugar: Biblioteca Municipal do Castrillón, Praza de Pablo Iglesias (A Coruña)

Charla e coloquio onde falaremos da alimentación vexetariana no Nadal desde o punto de vista do consumo responsable e a saúde.

Veremos como é posible conseguir menús equilibrados nutricionalmente, saborosos e especiais, ademais de respectuosos co medio ambiente e a saúde persoal.

Pretendemos explorar formas conscientes de alimentación onde teñamos en conta o ciclo dos produtos e as súas repercusións, e queremos facelo animando ao debate e ao intercambio de opinións.

Agardamos por vós o venres!!

Casa Pousadoira organiza para os dias 17 e 18 de marzo un curso para aprender a facer a nosa propia cervexa na casa, cos utensilios que todos podemos ter nunha cociña normal, sin case ningún custe de inversión.

O curso vai dirixido a calquera persoa que queira aprender a facer cervexa a pequena escala, para consumo propio.

Curso Cervexa   CONTIDOS:

  • Presentación do curso
  • Visión global do proceso biotecnolóxico
  • Presentación dos ingredientes a usar na elaboración de cervexa
  • Inicio da elaboración de cervexa caseira
  • Etapas na elaboración da cervexa
  • Clausura do curso (embotellado da cervexa)

 Ao tempo que se dan as explicacións teóricas iranse vendo todos os pasos na práctica, desde o malteado do cereal até o embotellado.

Ler máis...

terr@ctiva

Para ir quentando motores... Alí estará Zocaminhoca (xunto a Panxea e A Cova da Terra), e moitas das produtoras coas que temos relación e das que consumimos (ou estamos pendentes de comezar a consumir): Raínha Lupa, Arqueixal, Comocabras (Touza Vella), Tuta Fruta, ... Con charlas, proxeccións, actuacións, obradoiros, ... un finde diferente en Arzúa! Animádevos!!!

www.terractiva.org

zocarede